Reivindican a igualdade entre homes e mulleres e recalcan a importancia do xogo na educación e na formación de nenos e nenas, así coma a transmisión de valores
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra, unha exposición de poesía visual elaborada polas artistas Isabel Blanco e Irene Silva que se titula Rompe, xoga en igualdade. Nela, a través dunha serie de bonecas intervidas amósanse situacións de desigualdade, discriminación e violencia transmitindo valores sexistas que se reproducen na sociedade. Reivindican a igualdade entre homes e mulleres e recalcan a importancia do xogo na educación e na formación de nenos e nenas, así coma a transmisión de valores.

Esta exposición é un xeito máis para dar visibilización e romper cos estereotipos e con esa problemática social que está a orde do día e de situacións que as mulleres seguen sufrindo dende nenas e as que, ademais, se lles van inculcando xa dende a infancia imitando comportamentos sexistas a través dos xogos que, posteriormente, se reproducen nas súas condutas.
Expor bonecas como mulleres obxecto é un xeito de representar unha realidade social para golpear conciencias e reflexionar sobre a violencia sexista, os estereotipos de xénero e a discriminación que sofren as mulleres na sociedade. É unha exposición na que o obxecto fala por si mesmo, sen apenas precisar texto explicativo.
A exposición, que se prolongará dende o 11 de abril ao 10 de maio, inaugurarase o vindeiro xoves 13 de abril ás 12:30 horas na sala Vilaseco do Centro Cultural “Manuel Lamazares”. "Dende aquí queremos invitar á veciñanza á inauguración da mesma na que contaremos con unha das artistas creadoras, Irene Silva, que realizará un percorrido explicando cada unha das obras", sinala o Concello.
Así mesmo, a exposición poderá visitarse de luns a venres laborables en horario de 9:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas.
Comments