top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Nova Alternativa de Cruces fala da importancia do respecto ás institucións e a capacidade de diálogo


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Nova Alternativa de Vila de Cruces emite un comunicado sobre o respecto ás institucións e a capacidade de diálogo. É o seguinte:

Nunha sociedade tolerante e moderna o respecto polo común é fundamental para que se poida dar unha convivencia harmoniosa e acadar un desenvolvemento global no

plano social. Cando nos referimos ao respecto polo común, estamos pensando nas institucións que entre todos nos demos para goberno do público e no amplo abanico de servizos e infraestruturas que conforman o noso estado de benestar.


Para que este siga funcionando con obxectividade e racionalidade e a toma de decisión sexa xusta e imparcial, é importante que a xestión pública se desvincule da confrontación partidista e personalista do poder.

Moitas veces podemos apreciar como decisións que en principio son positivas para un

pobo ou para a sociedade en conxunto vense atrancadas por loitas de poder entre partidos ou por disputas persoais, perdéndose unha oportunidade de mellora. Outras veces, sinxelamente, por propia doutrina política ou ideoloxía déixase de apoiar

unha acción que ía encamiñada á mellora dun ben colectivo.


E é máis, existen partidos políticos que están máis preocupados pola fidelidade

incondicional a unhas siglas que realmente polo interese xeral da cidadanía; “tod@

responsable público debería ser capaz de sentarse nunha mesa e debater co resto de

partidos ata adoptar unha decisión”. De feito, estamos seguros de que se o que move

aos políticos de distinta cor na súa decisión é o ben colectivo, a decisión será fácil e

rápida; agora ben, se o que move a eses políticos é o afán de poder, o impoñer a súa

ideoloxía e o “mercadeo electoral”, entón a toma de decisións será moi difícil e

provocará divisións irreconciliables.


Xunto con estas actitudes, que por desgraza son máis habituais do que sería desexable, conviven formas de facer política máis propias do sistema feudal que dunha sociedade moderna. A busca de “protagonismo”, o saltarse os procedementos na xestión pública, o non ter o mínimo respecto pola toma de decisións, o menosprezar aos órganos colexiados e institucións públicas, e o gobernar o público como si se tratase dunha parcela privada, son formas impropias dun goberno democrático que depende da vontade popular.

Dende Nova alternativa, conscientes de que a actual situación política no municipio ten moito que ver co que acabamos de mencionar, pretendemos lograr unha volta á normalidade respectando a tódalas formacións políticas e persoas, respectando os

procedementos e institucións e gobernar escoitando a tod@s para chegar á mellor toma de decisións posible.


Hoxe Vila de Cruces necesita unha formación política con capacidade de diálogo, experiencia e novas ideas, que faga posible un goberno estable e que se preocupe polo ben colectivo, a recuperación das formas democráticas e o avance sostible.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page