“O meu compromiso é traballar para que Alba Forno faga historia e sexa a primeira alcaldesa de Lalín e conseguir darlle unha nova vida a este Concello”, destaca
Ecos da Comarca/Lalín
A veciña de Bermés Norma Fernández Rodríguez súmase á candidatura do PSOE de
Lalín e ocupará o posto 5 na lista de cara ás eleccións do 28 de maio. É natural de
Bermés e reside en Pontevedra, onde desenvolve a súa vida profesional na Escola de
Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. O seu compromiso co rural
levouna a formar parte da secretaría da Comunidade de Montes de Bermés, onde
desenvolveu proxectos importantes como a recuperación dos muíños da parroquia ou os
descubrimentos e a potenciación dos petróglifos que se atopan no Carrio.
Fernández afirma que “estou moi orgullosa de que Alba pensase en min para sumarme ao
seu proxecto. É un reto que collo con moito entusiasmo e no que me implicarei para
conseguir que Alba sexa a primeira alcaldesa de Lalín e faga historia; con ela poderemos
conseguir darlle unha nova vida a este Concello”. Ademais de formar parte da CM de
Bermés, estivo na directiva de Roteiros de Lalín, por eso destaca que se centrará en
“potenciar o turismo e o patrimonio, que Lalín ten moito e está pouco valorado. Tamén é
necesario coidar máis o noso rural, porque este Goberno só se dedica a facer parches en
campaña electoral e logo esquécese del”. Como exemplo do que levará a cabo pon o
Monte do Carrio, que “gracias as actuacións desenvoltas pola Comunidade de Montes foi
posible revitalizar o monte, mentres coidamos a nosa natureza e a poñemos en valor. Isto
debemos trasladalo ao resto do municipio”.
Así mesmo, destaca que Alba ten un proxecto claro e que “sei que o levará a cabo en
canto chegue á Alcaldía. É unha muller valente, coas ideas claras e que nestes catro anos
en política adquiriu moita experiencia porque se implica en todos os retos que ten por
diante. É unha política moi competente, que escoita a todo o mundo e que non deixa a
ninguén atrás, sexa da cor que sexa”.
Pola súa banda, a candidata á Alcaldía, Alba Forno, destaca de Norma que é unha muller
“que demostrou unha gran capacidade de traballo en todos os proxectos que formou parte
e tamén que está totalmente comprometida co noso rural, que é moi importante e necesario nestes tempos”. Asegura que a veciña de Bermés, ademais de centrarse nas
áreas que controla coma son turismo, patrimonio e o rural, “estará á altura de calquera
reto que lle presentemos porque mostra moito interese polo que se lle propón e iso é moi
importante”.
Destaca desta incorporación que “foi moi valente ao asumir o reto de ir no posto 5, porque implica dedicarlle horas e dende o minuto 1 púxose a disposición do partido para ser partícipe do que fose necesario. En política isto é relevante, persoas que traballen polo ben de toda a veciñanza, que acheguen ideas e que estean dispostas a perder o seu tempo pola nosa vila”.
Comments