Non sexamos tan nenos e maduremos!
- IsmaelRS

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Hai un tempo vin un meme que me fixo pensar bastante. Imaxinade a escena: por un lado, temos un neno duns cinco ou sete anos, con toda a vida por diante, cheo de curiosidade e enerxía. Por outro lado, está o seu avó, un señor duns oitenta e cinco anos, cunha longa vida ás súas costas, chea de experiencias e sabedoría.
O neno, mirando como o seu avó plantaba con coidado unha pequena árbore na terra, faille unha pregunta que, dende a súa perspectiva inocente, ten todo o sentido do mundo. "Avó, por que plantas esa árbore? Se total, non vas ter tempo de vela medrar". A pregunta é directa, case crúa, pero reflexa a inmediatez coa que vivimos moitas veces.
E aquí vén a parte que me tocou de verdade. O avó, sen deixar de traballar a terra, mira para o seu neto cun sorriso e contéstalle con sinxeleza: "Eu non a verei medrar, pero ti si". Nesta frase tan curta hai unha lección inmensa sobre o legado, sobre pensar máis aló de nós mesmos e sobre construír un futuro para os que veñen detrás.

Quizais deberiamos ser todos un pouco máis como este avó e un pouco menos como o raparigo. Quizais deberiamos aprender a pensar máis a longo prazo e non tanto no que é inmediatamente cercano, no beneficio instantáneo. Porque se todos os que nos precederon, os nosos avós, os nosos bisavós, tivesen pensado só no seu propio presente, que futuro teríamos recibido nós?
PUBLICIDADE
Probablemente, non existirían as tradicións que hoxe celebramos con tanto orgullo. Non teríamos o patrimonio cultural e natural que nos rodea, eses monumentos, eses bosques, esas historias que foron coidadas e transmitidas de xeración en xeración. Todo o que hoxe damos por sentado é, en gran parte, o resultado de xente que plantou árbores que nunca vería medrar.
PUBLICIDADE
Así que propoño que recapacitemos un pouco sobre cara a onde imos como sociedade, pero sobre todo, de onde vimos. Intentemos, na medida do posible, non perder ese vínculo coas nosas raíces e con esa visión de futuro. Cada un de nós pode plantar a súa propia árbore, sexa literal ou metaforicamente. Un pequeno xesto hoxe pode converterse nunha gran sombra para as xeracións de mañá. Pensemos niso.








Comentarios