top of page

Miñones resalta o impulso inversor do goberno de Sánchez para completar a autovía Santiago-Lugo

O tramo Arzúa-Melide, de 16,4 qilómetros de lonxitude, supón unha inversión total de 116,5 millóns de euros

Laura Moure/Arzúa/Melide/Santiso

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, puxo hoxe en valor o impulso investidor e en execución do Goberno de Pedro Sánchez por completar a autovía A-54, que conectará Lugo e Santiago converténdose no eixo vertebrador do interior de Galicia. José Miñones supervisou hoxe en Arzúa a execución do tramo Melide-Arzúa desta vía de alta capacidade que, xunto co de Melide-Palas de Rei, son os dous que restan por poñer en servizo nesta vía de alta capacidade.


Nesta visita participaron as subdelegadas do Goberno na Coruña, María Rivas, e de Lugo, Isabel González, e os alcaldes de Melide, José Manuel Pérez, e de Santiso, Manuel Adán, ademais da tenente de alcade de Arzúa, Begoña Balado. O delegado repasou o compromiso “claro e firme deste Goberno de recuperar o tempo perdido nas infraestruturas galegas, con decisións e investimentos históricas”. Un compromiso que, este ano, tradúcese en investimentos de case 1.000 millóns de euros do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (MITMA) para as comunicacións en Galicia.

A partida para estradas “converte a Galicia na cuarta Comunidade Autónoma de España por volume de investimentos: 225 millóns de euros, un 10% máis que o consignado o pasado ano”, remarcou. No que respecta a a autovía Lugo-Santiago, José Miñones lembrou que nestes últimos dous anos desbloqueáronse os tramos que quedaban por iniciar desta autovía A-54, de forma que hoxe “estamos na súa recta final”. Actualmente, o MITMA traballa intensamente nos dous tramos en execución da A-54 con 250 persoas e un total de 50 máquinas. José Miñones lembrou que a nova autovía permitirá unir Lugo con Santiago de Compostela en 50 minutos de percorrido. En paralelo, conlevará unha importante mellora da seguridade viaria, tanto rodada como peonil, da N-547, onde actualmente hai un importante tránsito de peregrinos, e das vilas por onde circula esta estrada nacional.

A actuación

O tramo Arzúa-Melide, de 16,4 quilómetros de lonxitude e 116,5 millóns de euros de investimento total, iníciase ao sur da localidade de Melide, na intersección da N-547 coa estrada autonómica AC–840, e finaliza en Arzúa, conectando co tramo xa en servizo da A-54 entre Arzúa e Santiago de Compostela. Tras discorrer polos concellos de Santiso e Melide, finaliza ao sur da localidade de Melide, onde conecta co tramo contiguo, que tamén está en obras. No trazado inclúense catro conexións: ligazón Melide Sur coa estrada autonómica AC-840, ligazón de Santiso coa estrada CP–4603, ligazón Arzúa Sur coa estrada autonómica AC-905 e ligazón Arzúa Oeste coa N-547 e coa estrada autonómica AC-840. Tamén se proxectan 25 estruturas, nas que destacan 9 viadutos: Catasol, Cabazás, Fontesagrada, Valverde, Boente, Iso, Brandeso, Ladrón e viaduto da ligazón Arzúa Oeste.

Executaranse ademais 10 pasos superiores e 6 pasos inferiores, dos que 2 dos pasos superiores e 4 dos pasos inferiores son específicos para pasos de fauna ou multifuncionais, ademais de servir á permeabilidade transversal da autovía. Coa finalización das obras deste tramo Melide-Arzúa e as do tramo contiguo Palas de Rei -Melide (85,63 millóns de euros de investimento e 11,7 km de lonxitude), completarase a totalidade do trazado da autovía A-54. Un total de 93,4 quilómetros que supuxeron máis de 700 millóns de euros de investimento desde o seu inicio.


O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, insistiu "na necesidade de rematar as obras canto antes para vertebrar o interior de Galicia" e reivindicou máis investimentos no rural. "As persoas que vivimos no rural hai que mirarnos con moito máis cariño".


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page