Melide organiza un completo programa de actividades para os meses de outubro e novembro
- Laura Moure

- 15 oct 2022
- 3 min de lectura
O Camiño de Santiago, as celebracións tradicionais do Magosto e o Samaín ou a micoloxía centran algunhas destas iniciativas
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide organiza durante os meses de outubro e novembro unha nova edición do Outono Cultural. Un ano máis, a programación conta con actividades variadas para toda a veciñanza melidá. O Camiño de Santiago, as celebracións tradicionais do Magosto e o Samaín ou a micoloxía centran algunhas das actividades que se desenvolverán entre finais deste mes e mediados do vindeiro.

O Outono Cultural arrinca coa celebración do Día da Biblioteca, na Biblioteca Municipal
Xosé Vázquez Pintor. O Mago Paco representa ese día a súa función de maxia divertida
Contamaxias ás 17:30 horas.
O xoves 27 presentarase a campaña de normalización lingüística “Melide agora e sempre
en galego”, orientada a impulsar o uso do galego nos actos fúnebres, nas derradeiras vontades, nas placas mortuorias ou nas necrolóxicas que lembran os nosos seres queridos. A campaña será presentada no salón de Plenos da Casa do Concello ás
18:30 horas.
Ao día seguinte, o venres 28 de outubro, e dende as 20:30 horas, a sala de conferencias do Edificio Multiusos acollerá a conferencia A vía láctea e outros motivos do Camiño de
Santiago.
Non será este o único evento relacionado coa temática xacobea. A entrada do Concello acolle dúas exposicións fotográficas con este fío condutor. Do 13 ao 20 de outubro
exporase a mostra 100 lugares máxicos do Camiño de Santiago. Do 25 ao 31 do mesmo
mes estará exposta no mesmo lugar No Camiño. As imaxes que viron os peregrinos. O
horario de visitas será durante toda a mañá e o mediodía, de 8 a 15 horas
O domingo 30 de outubro, terá lugar no Centro Sociocultural Mingos de Pita a representación do espectáculo teatral para maiores de catro anos Cubo, a cargo da
compañía Elefante Elegante. Será ás 18 horas.
O luns 31 de outubro, véspera de Defuntos, as rapazas e rapaces de Melide están
onvidados a pasar unha tarde arrepiante na Tarde de Samaín no centro sociocultural
Mingos de Pita. A programación incluirá o espectáculo infantil A Festa Malvada de
Teatro Calavera. Tamén haberá un espectáculo de luz negra, un obradoiro de tatoos
fluorescentes e un photocall temático. As actividades darán comezo ás cinco da tarde.
No mes de novembro, o Outono Cultural programa dúas actividades. A primeira delas
será o Magosto, que terá lugar o sábado 5 dende as 17:30 horas. A esa hora darán comezo os xogos populares da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Ás 19:30 horas terá lugar a degustación de castañas e chocolate, e as 20 horas actuará o grupo de música folk Fiandola.
O coñecemento e identificación das especies comestibles e velenosas de cogomelo centran a última actividade, as Xornadas Micolóxicas, que se celebrarán os sábados 5 e
12 de novembro. As xornadas incluirán saídas ao monte para aprender a distinguir no terreo as especies comestibles das que non o son. Haberá 40 prazas para esta actividade. As inscricións deben facerse no departamento de Cultura do Concello de Melide.
Mayka Basalo, concelleira de Cultura de Melide, sinala que un ano máis “o Outono Cultural ofrece á veciñanza actividades variadas e para todas as idades”. Neste sentido, a edil salienta que a programación recolle celebracións tradicionais, pero tamén aspectos como a ligazón de Melide coa ruta xacobea ou a gastronomía de tempada, así como espectáculos para as e os máis pequenos da casa.







Comentarios