Melide aproba a licitación das obras do aparcadoiro da Avenida da Habana por máis de 316.000 euros
O proxecto, incluído no POS+2025 da Deputación da Coruña, permitirá acondicionar
unha parcela municipal de 5.334 metros cadrados e contempla a demolición dunha
edificación inacabada
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide aprobou onte, na Xunta de Goberno Local, a licitación das obras de acondicionamento do aparcadoiro da avenida da Habana, incluídas no POS+2025 da Deputación da Coruña. A actuación conta cun orzamento de licitación de 316.662,52 euros e un prazo de execución previsto de catro meses. A contratación tramitarase mediante un procedemento aberto simplificado.

O proxecto desenvolverase nunha parcela de titularidade municipal de 5.334 metros
cadrados que actualmente se utiliza como aparcadoiro en superficie, pero que carece dunha ordenación formal das prazas de estacionamento, dos itinerarios interiores e dos
accesos. O terreo presenta tamén restos dunha urbanización que non chegou a
completarse, con tramos de pavimento deteriorados e deficiencias na evacuación das
augas pluviais.
PUBLICIDADE
A intervención contempla a ordenación integral da parcela para o seu acondicionamento
como aparcadoiro público en superficie. Para iso, executarase unha nova pavimentación
con aglomerado asfáltico, procederase á delimitación das prazas de estacionamento e
reorganizarase a circulación interior.
O proxecto establece unha entrada e unha saída diferenciadas tanto na avenida da Habana como na rúa Bispo Varela, co obxectivo de ordenar os movementos dos
vehículos e reducir os conflitos nas manobras. Pola súa banda, a rúa Peregrinos manterá
o seu carácter de vía de uso prioritariamente residencial e quedará excluída do sistema xeral de accesos e saídas do aparcadoiro. Esta medida permitirá evitar a sobrecarga de
tráfico nesta vía e protexer o contorno inmediato da capela de San Roque.
PUBLICIDADE
As obras incluirán tamén a execución dunha nova rede de drenaxe e recollida de augas
pluviais e a instalación de alumeado exterior con luminarias de tecnoloxía
enerxeticamente eficiente. O tratamento perimetral incluirá franxas axardinadas xunto ás
medianeiras existentes, co obxectivo de mellorar a integración paisaxística do aparcadoiro
e reducir o impacto visual destes paramentos. Ademais, acondicionaranse os itinerarios
peonís e os puntos de cruzamento seguindo criterios de accesibilidade universal.
A actuación enmárcase na estratexia municipal de mellora e rexeneración dos espazos
urbanos, seguindo criterios de continuidade dos pavimentos, accesibilidade universal,
ordenación do tráfico e integración co contorno, en consonancia con outros proxectos de
reforma e posta en valor dos espazos públicos impulsados polo Concello de Melide.
PUBLICIDADE
Demolición da edificación existente
O proxecto contempla tamén a demolición dunha edificación inacabada de catro alturas
situada na parcela, que se atopa en situación de desconformidade co planeamento
municipal e presenta un estado de conservación deficiente debido ao abandono sufrido ao
longo dos anos. Os traballos incluirán a limpeza do terreo e a retirada e xestión dos
residuos xerados.










Comentarios