top of page

Melide acolle hoxe, 31 de agosto, unha nova concentración en defensa da presa de Don Antonio

Ecos da Comarca/Melide

Despois da concentración do pasado 22 de agosto na área recreativa de Furelos, a veciñanza volverá reunirse hoxe, luns 31 de agosto, diante do Consistorio de Melide para defender da presa de Don Antonio e evitar que, este elemento que forma parte do Patrimonio deste municipio, sexa substituído por unha comporta de aceiro e formigón agora en setembro.

A concentración do pasado 22 de agosto. Autor: Quiñoy
A concentración do pasado 22 de agosto. Autor: Quiñoy

Segundo expón a Asociación Cultural e Veciñal Melidá, o proxecto das obras que se están levando nesta área recreativa, para entre outros obxectivos acabar coa acumulación de lodos" “nin soluciona o problema de contaminación do río que provocan os vertidos, nin é necesario para solucionar o problema de acumulación de lodos”. Atribúe esta acumulación ao que considera “o actual abandono do sistema de desaugue”.

Ademais, un dos aspectos que máis cuestiona a veciñanza é a tramitación do proxecto. Segundo a información difundida polo colectivo, Augas de Galicia remitira xa no ano 2021 o proxecto ao Concello de Melide, co obxectivo de que a administración municipal o consultase e emitise un informe favorable ou presentase as alegacións que considerase oportunas.


Sosteñen que o Concello, nese momento, deu o seu visto e prace ao proxecto, en lugar de propoñer unha alternativa que permitise preservar a presa histórica. Cinco anos despois, e co proxecto xa en execución, os veciños denuncian que coñeceron pola prensa a intervención prevista. “Para acabar coas ‘pulgas’ das que se veñen queixando dende hai 20 anos, resulta que ‘hai que matar o can”, lamentan

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A asociación de veciños, tras coñecer a situación, acudiu ao Concello para pedir explicacións sobre como se chegou a esta situación. Segundo denuncia, a resposta recibida estivo marcada por “mentiras, arrogancia e táctica política. Todos nos queixamos dos políticos que temos en todos os niveis da Administración. Pero nós tamén temos a nosa responsabilidade. A sociedade civil ten que demostrar que está esperta e non comunga con rodas de muíño. Ten que facerse valer e facerse escoitar. A presa de Don Antonio non é o único que está en perigo, tamén o está a nosa dignidade como pobo.

Se o único que facemos é queixarnos de que os políticos fan o que lles da a gana, estaremos dándolles razóns para que o sigan facendo". Por iso convidan á asistir á concentración que terá lugar hoxe ás 20:30 horas diante do Concello de Melide.


Artigo publicado polo Museo da Terra de Melide nas súas redes

A TOSTA DE DON ANTONIO RON VARELA. UNHA REPRESA HISTÓRICA, BEN PATRIMONIAL E PÚBLICO

Ante a anunciada e inminente acción de destrución da meirande parte da lonxitude da histórica e decimonónica tosta (1883) levantada por Don Antonio Ron Varela (Friol, 1834 – Melide, 1918) alcalde benfeitor e modernizador da vila de Melide, cómpre facer a seguinte consideración: estamos a falar da supresión non do azud da Praia Fluvial de Melide, senón dunha represa histórica no Furelos realizada para abastecer ao Muíño situado ao carón da Ponte Nova de Furelos (datada no ano 1861, coñecida na documentación como Ponte de San León) e que se corresponde cun magnífico complexo de moenda e un dos mellores expoñentes da arqueoloxía industrial da bisbarra, que na actualidade é de titularidade municipal.


Sinalar por tanto que a destrución da tosta supón unha destrución do patrimonio cultural local, que se engadiría a un amplo listado de elementos tristemente, e incomprensiblemente, desaparecidos que na actualidade o conxunto da sociedade melidá lamenta. Nese senso considérase que unha decisión tan drástica suporía un novo episodio de perda do patrimonio cultural herdado e que, por tanto, debéranse facer as debidas reflexións. Algunhas destas reflexións deberan considerarse e analizarse, posto que habería que abordalas denantes de que se produza a demolición.

Así pois imos enumerar algunhas delas:

- PERIGO PARA A INTEGRIDADE DA MALTREITA PONTE MEDIEVAL DE FURELOS (S:XII). Como é ben sabido a Ponte Vella presenta un estado de integridade altamente preocupantes, debido a patoloxías estruturais severas, non corrixidas nin melloradas na actuación recente “rehabilitadora”. Os tallamares e os esporóns están altamente danados; hai doelas deslizadas; fisuras en abovedados e alzados; danos severos en estribos e piares. De feito un dos piares do arco central (o do lado norte) estase descalzando progresivamente por causa da perda da bancada de asento. Este preocupante aspecto xa lle foi comunicado ás administracións Autonómica e Local, co gallo da procura de proceder a adoitar as medidas pertinentes e perentorias (para evitar posibles colapsos), situación que tamén saíu na prensa e nos propios informativos da CRTVG.


Sendo así resulta preocupante que nos vindeiros anos acontezan episodios de alta pluviosidade invernal, como aconteceu neste inverno, provocando enchentes exponenciais do curso fluvial. De reproducirse estes episodios de grandes enchentes e desaparecendo unha barreira artificial que atenúe o incremento brusco de caudal preocuparía a incidencia dos mesmos afectando a unha ponte altamente debilitada no seu sistema de asento estrutural, e tamén con derivadores de auga cáseque perdidos.


- PERDA DUN NOVO ELEMENTO DO PATRIMONIO CULTURAL MELIDÁ.

Como xa se dixo estamos a falar dunha represa histórica, que aparece documentada no propio Arquivo Histórico Universitario da USC e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, nº 61 (1879). O que nos di a documentación é que:

“No Boletín Oficial da Provincia da Coruña nº 61 (1879) publícase a solicitude para modificar o uso do denominado "molino de chocolate" e convertelo en "molino harinero".

Posteriormente, mediante autorización de 30 de xuño de 1881, concédese permiso a Antonio Ron Varela para construír a presa, especificando literalmente que:

«...se elevará 130 centímetros sobre el lecho del río.»

Esta autorización deriva dun preito administrativo entre Antonio Ron Varela, que solicitara o permiso en xullo de 1879, e Manuela Rigueiro, que o fixera un mes máis tarde.

No ano 1881, o propio BOP recolle que:

"Antonio Ron Varela y Juan Antonio Rodríguez González piden autorización para aguas arriba del río Furelos, 425/sg l. aguas arriba del puente de San León (Ponte Nova), en la carretera Lugo-Santiago, para molino de cinco piedras."


Poucos anos despois, o Protocolo Notarial 5490 (1885) describe o inmoble nos seguintes termos:

"Antonio Ron Varela, de 52 años (...) molino en puente de San León de Furelos, junto a la carretera de segundo orden de Lugo a Santiago (...) de cinco ruedas (...) para trigo, maíz y centeno (...) casa con planta baja y alta (...) construido hace dos años."

Toda esta documentación sitúa con absoluta claridade o proceso de construción da presa, da canle e do sistema hidráulico destinado a abastecer o muíño situado xunto á Ponte Nova.


Esta documentación foi estudada e publicada por Xosé Manuel Broz Rei no Boletín nº 31 do Museo da Terra de Melide (2018) e posteriormente no libro Melidaos (2023), obras nas que pode ser consultada integramente.


A presa foi construída para crear un sistema capaz de remansar as augas do río Furelos e desvialas cara á canle que alimentaba o Muíño da Ponte de San León. Estamos diante dunha obra de enxeñería notable para a súa época.


Entre a presa e o muíño existen aproximadamente 340 metros en liña recta, polo que foi necesario deseñar unha infraestrutura capaz de conducir a auga mantendo o desnivel necesario para mover cinco moas de maneira continuada. Non se trataba dun pequeno muíño doméstico, senón dun complexo fariñeiro semiindustrial destinado á produción de fariña de trigo, millo e centeo, pensado para obter un elevado rendemento.


Desde esta perspectiva, o conxunto constitúe un magnífico exemplo de arqueoloxía industrial do século XIX, representativo do proceso de modernización das infraestruturas hidráulicas da comarca.


En base a todo iso resulta nidiamente comprensible que se trata tanto dun muíño, dun complexo, como dun inherente e complexo sistema de abastecemento hidráulico que deben ser analizados e tratados no seu conxunto.


- PERDA DUNHA POSIBILIDADE FUTURA DE OPTIMIZACIÓN E RENDIBILIZACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL INMEDIATO.

Dende hai un tempo dende o Centro de Estudos Melidenses-Museo da Terra de Melide se lle formulou ao Concello de Melide, propietario tanto do muíño como das súas estruturas de alimentación e derivación de caudais, a posibilidade de recuperar todo o complexo e as súas estruturas de abastecido. Así pois a recuperación do complexo do muíño pasaría tanto por musealizar a edificación como das estruturas hidráulicas, e tamén as adxectivas.


Nese senso sinalar que a supresión da histórica tosta suporía unha perda substancial, na integridade do conxunto. Sinalar, ao respecto, que a totalidade de muíños recuperados no país, para o seu aproveitamento cultural e turístico, contan co seu correspondente sistema de abastecemento íntegro (Allariz, Xubia, e un longo etcétera). A supresión da presa de Don Antonio imposibilitaría a debida recuperación do conxunto de moenda de Furelos.


- INDEBIDA RESPONSABILIZACIÓN DA REPRESA COMO CAUSANTE PRINCIPAL DA ACUMULACIÓN DOS LODOS.

Como é ben sabido por todo aquel melidao que sobrepase os corenta anos de idade, antes da década de 1990, era posible bañarse na área encorada do Furelos, podendo ver e pisar os coios do fondo, aínda a pesar da barreira da presa que xa existía dende cen anos antes. Así pois todo indica que as acumulacións de sedimento por arrastre, que acaba xerando os lodos, viría dado polas actuacións de ensanchado da conca fluvial, na área da praia fluvial. Anteriormente a esas datas non se producían tales acumulacións, posto que a conca do río non presentaba ensanchados que desfavorecían o correcto fluxo da corrente.


- NON COMPRENSIBLE XUSTIFICACIÓN DA NECESIDADE DE ELIMINAR ESTE OBSTÁCULO PARA O MOVEMENTO DA FAUNA ICTIOLÓXICA.

Como se pode apreciar, a presa de Don Antonio non conta con altura algunha que supoña un atranco para os movementos das especies piscícolas, toda vez que por riba da tosta hai presenza, dende sempre, de troitas e demais especies propias deste tipo de ecosistemas. Lembrar que mesmo o couto troiteiro se desenvolve igualmente augas arriba do remansado, e que mesmo antes de chegar a Furelos existen barreiras artificiais moito máis insalvables pola súa acusada altura, como é o caso da monumental represa da histórica Central Eléctrica no Rechinol, aínda en uso dende comezos do século XX.


De feito, e a ese respecto, hoxe mesmo (hai uns días), aparece unha nova no xornal El Periódico de Estremadura, na que o catedrático da universidade estremeña, Julián Mora Aliseda, amosa a súa preocupación pola eliminación de estruturas na cunca do Tajo e do Guadiana en base á disposición europea, principalmente por considerar que non poden considerarse unicamente como obstáculos nos cauces toda vez que forman parte da configuración histórica do territorio estremeño. Así pois, amosa a súa preocupación por tratarse, en ocasións, dunha rede hidráulica histórica formada por “ azudes. Pequeñas presas, represas, vados y otras obras construídas a lo largo de los siglos en ríos, afluentes y pequeños cursos de agua [...] vinculadas a antiguos molinos, huertas tradicionales, abrevaderos, aprovechamientos ganaderos o pequeños núcleos rurales”.


E a ese respecto, Mora Aliseda explica que estas actuacións derivan do regulamento europeo de restauración da natureza, pero como nun do seu articulado se lembra a obrigatoriedade de inventariar as barreiras artificiais existentes nos cursos de auga e determinar cales deberían retirarse. Así pois, en base a iso, compre facer o debido inventario deste tipo de estruturas, antes de considerarse se é posible, ou necesario, proceder á súa retirada. Nese senso, a presa de Don Antonio carecería da consideración de tratarse dun obstáculo, debido á súa escasa altura, que non impide o movemento da fauna.


- NON COMPRENSIBLE XUSTIFICACIÓN DE QUE SE TRATA DUN ELEMENTO CULTURAL NON CATALOGADO.

Dese xeito sinalar que se trata dun ben realizado anteriormente ao ano 1900, tratándose pois dunha estrutura histórica, que a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, no artigo 91 di que forman parte do patrimonio etnolóxico: «Os batáns e os muíños de río, de mareas ou de vento tradicionais, incluída a infraestrutura hidráulica necesaria para o seu funcionamento.»

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Esta protección tampouco se limita á Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Os sistemas tradicionais de aproveitamento hidráulico están igualmente amparados pola Lei de Augas e polos planeamentos urbanísticos municipais, que teñen a obriga de incorporar estes elementos aos seus catálogos de protección, impedindo a súa destrución ou alteración substancial. Así, o argumentario de que non se corresponde cun ben patrimonial con catalogación específica non é eximente da súa consideración de ben que integra o patrimonio etnolóxico e, por tanto, do seu amparo legal. Pero, cal sería pois, a causa do seu non catalogado específico?, pois..., de certo, habería que buscala na ausencia e incomprensible ausencia dun PXOM que tería, por obriga normativa, a necesidade de contar cun catálogo de recursos arqueolóxicos e patrimoniais.


Dese xeito a histórica presa do Comendador da aldea de Furelos, na ponte medieval, a pesar de ser unha presa histórica xa mencionada no ano 1685 nun documento do Arquivo Histórico Nacional de Madrid que fala das propiedades da Encomenda de Portomarín na Terra de Melide, que alude a “[...] estanco y presa que dicha Encomienda tiene en el río de Furelos”. Esta histórica presa que foi da antiga Encomenda de San Xoán de Portomarín, propiedade da Orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta, realizada como criadeiro de troitas para o Comendador, probablemente en época medieval, tampouco tería protección específica, por tratarse dun recurso patrimonial non recollido nun inexistente catálogo do PXOM municipal, nin no inventario de Patrimonio Cultural de Galicia, a pesar de que ambas presas forman parte do patrimonio material e con antigüidade documental demostrada.


Por todas estas cuestións considérase que é intre de reflexión para que as administracións competentes, ás que lles foi facilitada por este Museo a documentación histórica que alude á Presa de Don Antonio Ron Varela, reconsideren a proposta da supresión e eliminación doutro dos aquelados recursos do noso patrimonio cultural.


Un patrimonio que é de todos, e que todos temos a responsabilidade de mirar por el. Non sexamos corresponsables dunha nova desfeita!.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page