Medio Rural promove a creación da ruta das igrexas e da DOP Arzúa-Ulloa como instrumento de dinamización
- Laura Moure
- 28 ago 2024
- 2 Min. de lectura
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asume por completo o financiamento deste proxecto senlleiro, que ascende a máis de 60.000 euros
Laura Moure/Arzúa/Ulloa/Deza
A Consellería do Medio Rural promove a creación da Ruta das igrexas e da denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa como instrumento de dinamización do rural e produto turístico. Esta iniciativa, que capitanea o concello de Curtis, beneficiará outros 31 municipios máis pertencentes ás comarcas de Arzúa, Terras de Melide, A Ulloa, Chantada e Deza. A conselleira, María José Gómez, salientou que esta iniciativa representa “sustentabilidade do territorio” e serve para “poñer en valor o patrimonio unido á gastronomía e a ese territorio coidado e traballado”.

Este é, precisamente, “o piar fundamental da Consellería do Medio Rural, manter o territorio vivo”, engadiu Gómez, quen estivo acompañada neste acto pola directora xeral da
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e polos alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e de Curtis, Javier Caínzos, entre outras autoridades. Entre estas figuran das comarcas os alcaldes de Toques, Monterroso, Touro, Rodeiro, Sobrado, Melide, Santiso e do Pino e concelleiros como Begoña Balado de Arzúa.
Por medio deste proxecto crearanse novas rutas, cunha visión claramente turística, nas
que os visitantes poidan experimentar as diferentes etapas da produción do queixo e, ao
mesmo tempo, coñecer o patrimonio da zona. Así, este proxecto permitirá potenciar a historia, promocionar os produtos e a actividade agroalimentaria da zona, xerar riqueza e
emprego e mellorar os tecidos culturais, educativos e produtivos. A Axencia Galega de
Desenvolvemento Rural asume por completo o financiamento desta iniciativa, que ascende
a máis de 60.000 euros.
Publicidade
Dixitalización
A dixitalización do roteiro das igrexas da DOP Arzúa-Ulloa, que se enmarca dentro dos proxectos senlleiros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, enriquecerá este
instrumento turístico e ofrecerá unha maior visibilidade á denominación de orixe, así coma
ao valor cultural e natural da súa contorna.
Neste contexto, a conselleira do Medio Rural reiterou o apoio da Xunta á calidade
alimentaria a través de diferentes vías, como as axudas aos consellos reguladores –o da DOP Arzúa-Ulloa recibiu preto de 150.000 euros no último ano-, o fomento da transformación e comercialización de produtos agroalimentarios en Galicia, que este ano
permitirá apoiar 62 proxectos, e o mantemento de liñas específicas de axudas para promover a calidade alimentaria.
コメント