Medio Rural alerta do incremento de defoliadores do millo na comarca da Ulloa
- Laura Moure

- 21 jul
- 2 min de lectura
A Consellería lembra que a detección de masas de ovos e de larvas de primeiros
estadios é o momento no que as medidas de control son máis eficaces e que, de ser
necesaria unha intervención fitosanitaria, deberán empregarse produtos autorizados
Laura Moure/A Ulloa
A Consellería do Medio Rural recomenda a profesionais da agricultura e a gandaría intensificar a vixilancia das parcelas de millo ante o incremento das postas e da presenza de larvas das principais eirugas defoliadoras que afectan este cultivo, confirmado polas elevadas capturas rexistradas nas últimas semanas na rede de trampeo da Xunta. Detectouse un incremento importante na comarca da Ulloa.

A Consellería realiza o seguimento das principais eirugas defoliadoras que afectan ao cultivo do millo mediante unha rede de 159 trampas de feromona distribuídas polas principais comarcas produtoras de Galicia. Esta rede permite coñecer a evolución da
actividade de voo dos adultos de Spodoptera exigua (verme soldado) e Mythimna
unipuncta (verme defoliador do millo e das gramíneas), facilitando a emisión de avisos
fitosanitarios e a adopción das medidas de seguimento e control máis axeitadas.
Consonte este seguimento, Medio Rural lembra que a detección de masas de ovos e de
larvas de primeiros estadios é o momento no que as medidas de control resultan máis
eficaces. Por iso, no caso de ser necesaria unha intervención fitosanitaria, a Consellería
recorda tamén que deberán empregarse exclusivamente produtos autorizados para o
cultivo e a praga, consultando previamente o Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do
Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), xa que as autorizacións poden
modificarse.
PUBLICIDADE
Na actualidade, as materias activas autorizadas para o control de Spodoptera exigua en
millo son as seguintes: Clorantraniliprol; Clorantraniliprol + lambda cihalotrin; Cipermetrin;
Deltametrin; Lambda cihalotrin; Spinosad e Teflutrin.
Recoméndase realizar os tratamentos sobre larvas de primeiros estadios, alternando
materias activas con diferente modo de acción para reducir o risco de aparición de
resistencias e respectando sempre as doses, condicións de uso, prazos de seguridade e
demais indicacións recollidas na etiqueta do produto fitosanitario.
Últimas revisións da rede de seguimento
Segundo os datos obtidos nas últimas revisións das trampas de feromona da rede de
seguimento, observouse unha elevada actividade de voo de Spodoptera exigua en Galicia, especialmente na provincia da Coruña. As capturas máis importantes rexistráronse nos concellos de Mazaricos (800 e 50 adultos por trampa, respectivamente), A Baña (500), Rois (300), Santa Comba (280 e 90) e Zas (90), evidenciando unha intensa actividade da especie nestas zonas.
PUBLICIDADE
Na provincia de Lugo tamén se confirmou a presenza de Spodoptera exigua en numerosos
puntos da rede de seguimento. Nas últimas revisións rexistráronse capturas en Outeiro de
Rei, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Taboada, Chantada,
Portomarín, Castroverde, Lugo e Paradela, con valores comprendidos entre 2 e 50 adultos
por trampa, sendo as capturas máis elevadas as rexistradas en Guntín (50), Friol (30 e
24), Castroverde (26 e 24), Monterroso (25), Antas de Ulla (21) e Palas de Rei (20 e 18).
A rede de seguimento continuará operativa durante as próximas semanas para avaliar a
evolución das capturas e emitir novos avisos fitosanitarios no caso de detectarse cambios
significativos na actividade da praga.








Comentarios