Mantivo un encontro co conselleiro, Román Rodríguez, para trasladarlle a necesidade de actuar nos aseos e cubertas nos dous centros educativos
Laura Moure/Silleda
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, mantivo este martes un encontro en San Caetano co consellleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, ao que trasladou a necesidade de actuar con urxencia en distintos espazos do CEIP Plurilingüe de Silleda e do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira.
O rexedor, que solicitou o encontro hai varias semanas, destacou a “boa receptividade” da Consellería, que se comprometeu a realizar os arranxos no menor tempo posible. Cuiña trasladou á Consellería un informe sobre o estado dos baños dos dous centros, "xa obsoletos, e que precisan dunha renovación completa", sobre todo no caso do CEIP de Silleda, con máis de 50 anos de antigüidade.
A situación das cubertas, nas que o Concello de Silleda xa veu investindo en reparacións nos últimos anos, é outra das cuestións que plantexou o alcalde, xa que seguen a producirse filtracións de auga nas aulas. “Agradecemos a boa disposición do conselleiro de Educación e agardamos que estas cuestións se poidan arranxar o antes posible, xa que o gran deterioro destas instalación polo paso dos anos non admite novas reparacións”, indica o alcalde.

O Concello levando a cabo obras de mellora dun destes colexios.
Comments