top of page

Manuel Cuiña denuncia unha sanidade dezá “na UCI” tras 15 anos de "desmantelamento a causa dos recortes do PP"

O candidato ao Parlamento de Galicia anuncia un plan urxente para reanimar a Atención Primaria, así como a recuperación de facultativos e do investimento perdido en Sanidade


Ecos da Comarca/Lalín O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Manuel Cuiña, denuncia que a sanidade pública das comarcas de Deza e Tabeirós “está na UCI como consecuencia da xestión do Partido Popular”. “Unha xestión”, dixo, “que destaca polos recortes, a precarización e a privatización e que levou a Atención Primaria a unha situación límite”.

Cuiña visitou este xoves o centro de saúde de Lalín que cualificou como “o exemplo paradigmático do abandono ao que o PP somete á sanidade pública”. Acompañado polos concelleiros socialistas da localidade, Alba Forno e Anxo Fernández, sinalou que “o ambulatorio está literalmente caendo a cachos, como cae a credibilidade de Rueda ante a nosa realidade sanitaria”. “Mentres”, engadiu, “o novo CIS de Lalín construído con fondos

transferidos polo Goberno de Pedro Sánchez, acumula anos de atraso e rebaixou moito as súas expectativas iniciais, descoñecéndose a día de hoxe con que servizos e recursos asistenciais vai contar”.


Publicidade


O candidato socialista puxo o acento no deterioro que sofre a Atención Primaria “cuestión que afecta especialmente a territorios rurais como o noso”. Así, lembrou que a día de hoxe as listas de agarda nas nosas comarcas chegan a alcanzar os 15 ou 25 días, incluso para ver o médico de cabeceira. “Isto pon en risco á poboación, especialmente á máis vulnerable”, afirmou, lembrando que a Xunta de Galicia é o terceiro de todos os gobernos autonómicos que menos inviste en gasto sanitario por habitante. “Actualmente hai preto de 1.000 sanitarios menos en Galicia dos que había en 2009”, dixo Cuiña, lembrando que “desde ese mesmo ano ata o 2023 se deixaron de orzamentar 135 millóns de euros nun

servizo público tan básico como a Sanidade”.


Publicidade

O número seis da candidatura do PSdeG por Pontevedra fixo fincapé no escenario de “colapso sanitario que nos deixa o PP tras quince anos e que sofren especialmente os pequenos concellos da zona que tamén son os que contan cunha poboación máis envellecida”. Puxo como exemplo a constante falta de facultativos nos centros de saúde de Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Cuntis ou Cerdedo “mesmo en picos de enfermidades respiratorias, como vén de suceder”. Tamén denunciou que centos de nenos das comarcas están sen pediatra, que os Puntos de Atención Continuada non teñen suficiente persoal e que os servizos de transporte sanitario que a Xunta privatizou son completamente deficitarios.


Manuel Cuiña incidiu en que “a cidadanía está farta do modelo da precarización e a privatización sanitaria do PP” e subliñou que o Partido Socialista, con José Ramón Gómez Besteiro de presidente da Xunta, “reanimará a sanidade pública, poñendo a atención primaria como prioridade a través dun plan de actuación urxente e inxectando

investimento para recuperar facultativos e especialidades”. Tamén avanzou a posta en marcha de medidas para a redución das listas de espera e o fin das privatizacións.


Publicidade

“Fronte o sálvese quen poida do PP, os socialistas temos un compromiso firme coa sanidade pública como piar básico do noso Estado de Benestar que demostraremos a partir do 18 de febreiro, porque desta vai, como di o eslogan de Besteiro”, concluíu.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page