Isto é posible porque a Xunta decidiu manter este acordo co co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Laura Moure/Xeral
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade renova o convenio de colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) co obxecto de manter a quenda de garda psicolóxica para a atención 24 horas ás vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos menores. A Xunta de Galicia apoia esta iniciativa con 60.000 euros a través dun acordo que mantén co COPG desde o 2018.
A quenda de garda especializada e permanente trátase dun servizo con carácter inmediato e personalizado para situacións de urxencia, dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. O servizo préstase, de xeito gratuíto, a través de profesionais con formación específica desde o momento no que se presente unha denuncia. A atención psicolóxica actívase con carácter inmediato tras terse producido un episodio violento ou agresivo e préstase en todos os partidos xudiciais galegos a requirimento das forzas e corpos de seguridade.
O procedemento de activación comezará cunha chamada ao teléfono de información ás mulleres, o 900 400 273, operativo de xeito permanente. Un profesional especializado da quenda de garda atenderá todo caso de violencia de xénero que cumpra cos criterios de activación, detectando as necesidades psicolóxicas da persoa en situación de violencia de xénero e axudando a entender e dar visibilidade tamén ás dos seus fillos e/ou fillas.
Publicidade
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia mantén a súa aposta pola atención psicolóxica como un instrumento fundamental para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, para a protección e o apoio ás mulleres que a sofren, pero tamén para os menores que dependen delas, testemuñas e vítimas da violencia familiar. O acordo forma parte das actuacións que Galicia desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e continúa na liña de actuación do Goberno galego de tolerancia cero respecto da violencia contra as mulleres.
Comentários