top of page

Maica Larriba pon en valor o Kit Dixital nunha visita á empresa lalinense Vinos Manuel Gil

A subdelegada informou de que 2.116 vivendas rurais e empresas de Lalín terán conexión a fibra óptica grazas ao Plan ÚNICO Banda Ancha


Laura Moure/Lalín

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, adiantou hoxe que a máis de 4.000 empresas da provincia de Pontevedra xa lles foi concedido o bono do programa Kit Dixital posto en marcha polo Goberno e que forma parte do Plan de Recuperación. En total, esta cifra supón un investimento na provincia de 21 millóns de euros destinados a apoiar a dixitalización das empresas e pequenos negocios pontevedreses. Maica Larriba desprazouse esta mañá a Lalín, onde visitou Vinos Manuel Gil, un negocio familiar de venda de viños e outros produtos gastronómicos que se beneficia desta iniciativa e que xestionan na súa cuarta xeración os irmáns Manuel, Ramón e Óscar Gil Mayán.

No encontro tamén participaron membros da consultora local, Dhais, que xestiona as axudas e da empresa lalinense de marketing dixital, Kame Marketing, que será a encargada de executar o proxecto de dixitalización de Vinos Manuel Gil.


Factor crucial

A subdelegada destacou durante a visita a “importante inxección económica que supoñen estes fondos” e “a oportunidade histórica que ofrecen para modernizar as nosas empresas e facelas máis competitivas”. Porén, tanto Larriba como os xerentes da empresa coincidiron en asegurar que a dixitalización “é un aspecto chave na innovación empresarial e se converteu nun factor crucial para que as empresas e pequenos negocios poidan competir no mercado actual”. O Kit Dixital tamén tivo unha magnífica acollida en Lalín e a comarca do Deza, pois só a consultora Dhais está xestionando uns 150 bonos na zona.


Maica Larriba felicitou a Vinos Manuel Gil por dar un novo paso cara a súa dixitalización aproveitando as axudas do Goberno e puxo o negocio como exemplo “de como unha empresa histórica que dirixe xente nova e emprendedora, agora acomete o reto de incorporase plenamente ao mundo dixital”. Nesta liña tamén puxo en valor o traballo dos axentes dixitalizadores “que son unha peza imprescindible entre os empresarios e a administración”.


6.000 euros

A Vinos Manuel Gil fóronlle concedidos 6.000 euros no marco do Kit Dixital, por pertencer ao rango de entre 3 e 9 traballadores. Con estes fondos, actualizarán e optimizarán a súa páxina web, mellorarán a venda online, desenvolverán unha estratexia de comunicación en redes sociais e mellorarán a súa imaxe de marca e o seu posicionamento dixital.


Por último, a subdelegada do Goberno incidiu en que os fondos do Plan de Recuperación “xa están a chegar a todos os lugares, a todos os concellos e a todas as empresas de entre cero e 49 empregados para axudalas tanto a iniciarse como a consolidarse no mundo dixital”.


Para este programa o Goberno lanzou tres convocatorias: unha de 12.000 euros para empresas de entre 10 e menos de 50 empregados, aberta ata o 15 de marzo; outra de 6.000 euros para empresas de entre 3 e menos de 10 empregados que se pode solicitar ata o 2 de setembro e unha terceira liña de 2.000 euros para autónomos con cero ou menos de tres empregados, aberta ata o 20 de outubro.

Plan Único Banda Ancha

A subdelegada do Goberno aproveitou a visita a Lalín para reafirmar “o compromiso firme coa conectividade do Goberno de Pedro Sánchez, que permitirá estender a fibra óptica para que antes de 2025 todo o rural galego teña conexión á rede de internet de alta velocidade”. Así, informou de que dentro do Programa UNICO- Banda Ancha do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do Plan de Recuperación, 2.116 vivendas e empresas de Lalín terán conexión a fibra óptica. “Debido á súa gran extensión rural, este é o municipio máis beneficiado da provincia nas convocatorias 1 e 2 do Plan Único”, explicou.


A primeira convocatoria, de 2021, adxudicada a Telefónica, inclúe a dotación de banda ancha de alta velocidade a 2.024 vivendas/empresas e as conexións teñen que estar executadas antes de final de 2023. A segunda convocatoria, de 2022, adxudicada a Avatel Telecom, contempla 102 vivendas e empresas en Lalín e deberá estar rematada antes de decembro de 2024. “Cada unha das vivendas e empresas incluídas no Plan ÚNICO veñen coa súa referencia catastral, que se pode consultar na web do Ministerio, polo tanto, se o Concello ten constancia de zonas contempladas ás que a fibra aínda non chegou, debe informar para que a empresa execute as conexións”, explicou a subdelegada.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page