Máis de 300 veciños réndenlle homenaxe no Pino a don José polos seus 65 anos de servizo sacerdotal
- Laura Moure
- hace 2 días
- 3 Min. de lectura
José María García Vázquez descubriu unha placa na igrexa de Lardeiros que recorda a súa chegada á parroquia no ano 1960
Laura Moure/O Pino
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, acompañou este pasado domingo, aos máis de 300 veciños que quixeron homenaxear a José María García Vázquez polos seus 65 anos como párroco no municipio. Don José descubriu unha placa na igrexa de Lardeiros que recorda o seu paso polas parroquias de Lardeiros, Gonzar e Pastor e recibiu o agarimo dos seus fregueses nun animado xantar popular.
A homenaxe comezou cunha misa cantada presidida polo propio José María García Vázquez nunha abarrotada igrexa de Lardeiros, en cuxo frontal locen agora dúas placas: unha na que se recordan as súas vodas de ouro na parroquia e outra, descuberta este domingo, que dá conta da súa chegada a Lardeiros no ano 1960 e que, co tempo, se converteu tamén en párroco de Gonzar en 1988 e de Pastor en 1990.

Xunto ao alcalde, a veciñanza e a súa familia, acompañaron a don José no posterior xantar popular un bo número de párrocos da comarca: Ricardo Cutrín, párroco de Oínes e no pasado tamén de Medín; Manuel Botana, expárroco de Lavacolla; José Manuel Recarey, párroco en Touro e arcipreste de Ferreiros-Sobrado; Jesús García, irmán de don José e párroco de Brates, San Esteban, Medín e Dodro; Juan González, párroco de Xanceda-Mesía e vicario territorial de Santiago; e José Manuel Iglesias, párroco en distintas parroquias de Touro e de Arzúa.
Visiblemente emocionados, veciñas e veciños agradecéronlle a don José a súa entrega
durante máis de seis décadas, tempo no que destacaron que impulsou o acondicionamento de pistas para que os coches puidesen acceder ás vivendas, a creación dun teleclub para desfrute da mocidade ou dunha cooperativa que negociaba colectivamente o prezo do leite. Destacaron, así mesmo, a súa implicación na vida cotía dos parroquianos, exercendo por exemplo de taxista da veciñanza ou prestando o seu teléfono para uso comunitario.
O alcalde, que cualificou o párroco como “un referente espiritual e humano”, resaltou a
maiores o seu acompañamento e apoio nos momentos máis significativos da vida dos seus
fregueses e asegurou que “non foi só un cura, senón tamén guía e, sobre todo,
confidente”.
Publicidade
Manuel Taboada sumouse ás numerosas mostras de agarimo cunha placa no nome do
Concello que resalta os 65 anos de servizo sacerdotal en Lardeiros, 37 en Gonzar e 35 en Pastor. Esta placa foi un dos numerosos agasallos que recibiu don José.
O propio párroco tivo tamén palabras de agradecemento para a veciñanza. Remontouse
aos seus anos do seminario para recordar que escolleu como lema de vida o servizo os
demais e que a súa vontade se puxo a proba ao chegar en 1960 a unha parroquia de
Lardeiros que presentaba bastantes deficiencias en infraestruturas. Don José lembrou que
foron os propios veciños quen abriron sete quilómetros de pistas ou que tamén lograran
crear unha escola para os máis de cen nenos que había daquela no lugar. “Eu non merezo
tantas mostras de agarimo, o mérito de que conseguiramos cousas foi a unión veciñal”,
subliñou.
A obra de teatro O testamento de Nacho púxolle a guida a homenaxe. Para interpretala,
subiron ao palco as veciñas de Lardeiros Helena Vilariño, Mari Mosquera, Berta Núñez,
María Jesús Lavandeira, Carmen Taboada, Carmen Rivadas, Carmen García e Maribel
González. Outro grupo local, Reviravolta, acompañou coa súa música tradicional a
celebración da misa e interpretou algunhas pezas cando rematou.
Comments