top of page

Luís López visita a obra de mellora e embelecemento dos accesos ás Ínsuas de Gres, en Vila de Cruces

Consistiu no cambio do firme na chegada á ponte medieval e á capela de San Xoán por lastras de pedra do país e a execución de pequenas melloras de alumeado e saneamento


Laura Moure/Vila de Cruces

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, destacou esta mañá a aposta do goberno galego pola “dinamización do turismo, a potenciación das zonas naturais e a promoción das contornas rurais” no marco da política xeral da Axencia Turismo de Galicia e que se ve reforzada con motivo deste dobre Ano Santo Xacobeo 2021-2022. O representante autonómico salientou estas liñas de actuación, que están a espallar investimentos turísticos por toda a provincia, na súa visita á obra de mellora e embelecemento dos accesos ás Insuas de Gres, no concello de Vila de Cruces, xunto ao alcalde, Luis Taboada, e con concelleiros da corporación municipal. Para elo, contou cunha axuda da Axencia Turismo de Galicia, dependente da Vicepresidencia primeira da Xunta, para acometer a actuación cun investimento de máis de 35.000 euros.

Luís López, hoxe en Gres, co alcalde e algúns concelleiros de distintos grupos.


A obra principal consistiu no reemprazo da pavimentación asfáltica existente no acceso á ponte medieval, a contorna da capela de San Xoán de Gres e ás propias insuais co obxectivo de mellorar a imaxe dunha paraxe de gran valor natural. Así, e para buscar unha estética común a todo este espazo, procedeuse á substitución da capa de rodadura por adoquíns de pedra do país en cor escura para manter unha unidade cromática coa ponte e os muros do templo.


A actuación consistiu na roza e limpeza da zona, a demolición do firme existente, a apertura dunha caixa no solo, o corte da pavimentación e a dotación de lastras en materiais nobres nunha superficie de 265 m2. Así mesmo, tamén se canalizou de xeito subterráneo o alumeado público, dotándoo de luminarias led e procedeuse á conexión do saneamento de augas pluviais á rede existente.


“Dende a Xunta de Galicia levamos tempo traballando arreo na mellora de todas as infraestruturas turísticas e agora con especial interese nas vencelladas ao Camiño de Santiago por motivos lóxicos, porque estamos moi confiados en que a vacinación fronte á Covid-19 pode facer que, nuns meses, deixemos atrás a pandemia e o noso Ano Santo sexa o revulsivo socioeconómico que precisamos, polo que temos que ter todo nas mellores condicións para os millóns de visitantes que poden vir”, manifestou Luis López.


Encontro institucional en Agolada

Por outra banda, o delegado territorial estendeu a súa axenda de hoxe na bisbarra do Deza realizando unha visita institucional ao Concello de Agolada e mantendo unha reunión de traballo co alcalde, Luís Calvo, e co teniente de alcalde, Óscar Val. Na mesma, López púxose á súa disposición e garantiulle o “compromiso e colaboración máximos” da Xunta de Galicia tras lembrarlle que vén de licitarse a mellora da estrada PO-212 cara Rodeiro por máis dun millón de euros e que acaban de concedérselle ao Concello de Agolada máis de 65.000 euros para mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco, entre outras iniciativas do executivo autonómico.

Calvo, López e Val en Agolada.




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page