top of page

Lalín acolle ‘Kyoki’, o espectáculo familiar de Elefante Elegante sobre o alzhéimer

É unha peza de linguaxe xestual sobre o esquecemento, a vellez e a soidade desde unha ollada poética, cómplice, cómica e reflexiva


Laura Moure/Lalín

O alzhéimer desde unha ollada poética e cómplice é o fío condutor de Kyoki, o espectáculo que Elefante Elegante levará ao Salón Teatro de Lalín este sábado, 11 de maio, ás 18:00 horas. Esta peza para público familiar dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria, unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade A función enmárcase dentro do programa Maio, o mes das nosas letras que organiza o Concello de Lalín con motivo das Letras Galegas en ten entrada libre ata completar o aforo.


Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, Kyoki -palabra que significa “demencia” en xaponés- é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. A peza investiga, dun xeito poético e cómico, sobre a alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. Porque, se ben é certo que esta condición adoita aparecer en persoas de idade avanzada... Quen non esqueceu algunha vez onde colocara a caixa das galletas? Ou, quen, por distracción, non vestiu nunca o xersei do revés? Kyoki quere ser unha ollada sensible ás experiencias que viven as persoas que precisan ser coidadas e mais as propias coidadoras.

Unha escena do espectáculo. Autora: Vanessa Rabade

A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá. O xogo teatral de Kyoki baséase no traballo plástico da corporalidade da protagonista en escena e na súa constante interacción cos elementos escenográficos, para definir unha secuencia dramatúrxica na que a imaxe toma un total protagonismo.


A posta en escena fundaméntase xa que logo na dinámica pictórica da organización do espazo teatral e na narrativa das propias accións físicas que reflicten desexos, sentimentos e todos os estados dramáticos definidos.Kyoki é un espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. Na historia están presentes tres personaxes -a avoa, a súa filla e unha doutora-, todas elas representadas pola actriz protagonista. O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa.

Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos. O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, que permiten a entrada e saída de innumerables elementos escénicos, o que provoca suxestivos e reveladores efectos sorpresa.


Cómpre sinalar que Kyoki presentouse o pasado febreiro en FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importante do sector que se celebra anualmente en Xixón. A obra de Elefante Elegante formou parte dos 76 espectáculos escolleitos entre as máis de 800 propostas recibidas en FETEN na súa 33ª edición.


Publicidade

Kyoki é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Elefante Elegante é compañía residente- e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio dos concellos de Arteixo e Carral.


Sobre a compañía

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar en temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, coa música e coas artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.


O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén de seu todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.


Publicidade

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente.


Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares.Este ano son candidatos aos Premios Max á mellor dirección de escena e foron gañadores dos Premios María Casares 2024 á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page