Unha exposición, un roteiro ou un photocall son algunhas das actividades
Baldonedo, Blanco, Payo e Rodríguez durante a presentación da programación.
Laura Moure/Lalín
Lalín tamén conmemorará con distintas actividades o Día Internacional da Muller. A concelleira de Igualdade, Begoña Blanco, a técnico Susi Payo, o representante de Roteiros de Lalín José Luís Rodríguez Jácome e a directora de Aspadeza, Ángeles Baldonedo, foron os encargados de detallar polo miúdo todos os actos: unha exposición, un roteiro, unha sesión de contos, un photocall, entre outros, conforman esta celebración no municipio. Arrancará mañá e prolongarase ata o día 19.
Comeza mañá, sábado, na biblioteca municipal cunha exposición sobre mulleres ilustres dirixida ao público infantil e adulto. Ademais, ese mesmo día e tamén o domingo e o luns a Fonte dos Cabalos ou a Estatua de Loriga iluminaranse de cor violeta. Así mesmo durante estes tres días na rúa Principal haberá un photocall reivindicativo nos que se poderá tomar fotos que despois poderán subir ás redes sociais.
A programación tamén inclúe un roteiro da igualdade do que se pode obter toda a información na web www.roteiros.lalin.gal e no que Aspadeza colaborou coa elaboración da sinalización. A ruta, que estará dispoñible a partir do domingo 7, comeza no Kilómetro 0 e pasará por O Regueiriño, Paseo do Pontiñas e enlaza con Donramiro pola Carballeira da Crespa, para volver ao punto de partida polas rúas Ramón Aller e Observatorio. A ruta permanecerá sinalizada durante un tempo e para a ocasión estrearase un dorsal co número 261 como o que luciu en 1967 na Maratón de Boston Katherine Switzer, a primeira muller en completar esta proba e que foi víctima da discriminación de xénero ata o punto de tratar de impedir o seu concurso. Nos tres quilómetros de trazado, ademais das sinalizacións cunha folla de roble de cor violeta, colocaranse paneis con imaxes de mulleres que destacaron poa loita feminista como Rigoberta Menchú, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Clara Campoamor e Antonia Ferrín Moreiras.
O domingo ás 18.00 horas, no Salón Teatro e cun 30% de aforo, terá lugar o O Pozo das Señoras, unha sesión de contos a cargo de Rilo & Panadique. É un espectáculo para familias no que Vero Rilo asume a parte narrativa e Sonsoles Panadique a musical.
Mentres, o luns 8 terá lugar unha actividade baixo o lema Feminismo a pé de rúa. Será na Praza da Igrexa entre as 16.30 e as 19.30 horas. Haberá un posto informativo para que a cidadanía reflexione sobre o feminismo, as desigualdades salarias, laborais por cuestión de xénero e sobre outros problemas sociais como a prostitución, a trata ou os casos de ventres de aluguer. Ofreceranse talleres de elaboración de chapas reivindicativas e neste stand lucirán carteis e noticias para convidar á reflexión. Ademais, levaranse a cabo un test medidor das desigualdades e colocarase unha árbore dos desexos sobre a situación das mulleres.
O luns tamén será a entrega, ás oito da tarde e no Salón Teatro, dos premios Maruja Gutiérrez.
E por último, o vindeiro venres 19, a actriz galega Isabel Risco presentará no Salón Teatro a súa obra Bravas. A cita será ás 20.00 horas.
Comentarios