top of page

Julia Medela de 9 anos e de Antas é a campiona de España Bachata Shine Individual Feminino Juvenil 1

Ela pertence ao Club de Baile Deportivo Goldance de Monterroso no que tamén quedou campioa de España na súa categoría Esther Rego, de Viveiro


Laura Moure/A Ulloa

O pasado sábado, Día de San Xoán, o Club de Baile Deportivo Goldance de Monterroso estivo no Campeonato de España de Bailes Caribeños 2023 en La Nucía (Alicante) coas súas deportistas Julia Medela (Antas de Ulla) e Esther Rego (Viveiro). E a competición non podía ir mellor, xa que volveron para a casa sendo as campioas de España,


Así, tal e como informa o clube a través das súas redes sociais, ambas lograron o primeiro posto nas súas respectivas categorías e alzáronse como campioas de España.

  • Julia Medela foi a campiona de España Bachata Shine Individual Fem. Juvenil 1

  • E Esther Rego, campiona de España Bachata Shine Individual Fem. Senior

"É o resultado dun duro traballo e un camiño que recorrimos da man", recalca o clube monterrosino. "Alegrámonos enormemente por vós! Merecédelo! Noraboa ás dúas e noraboa ao resto de deportistas participantes", engadiu Goldance a través das redes.


Cabe mencionar que o pasado 11 de junio as dúas quedaron campionas galegas de bachata Shine individual no Campeonato Gallego de Bailes Caribeños que tivo lugar en Marín.

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Dende o equipo de ECOS DA COMARCA tamén nos alegramos polas dúas e polo clube. Pero hoxe quixemos afondar na traxectoria de Julia, por ser de Antas de Ulla. Ela ten nove anos. Así que falamos con súa nai, con María Vázquez.

Julia Medela.

"Julia empezou en outubro de 2022 a recibir clases de baile con Dimas Fernández Ron porque lle encantaba bailar desde pequeniña, pero nunca recibira clases entón decidimos levala a que probara. E dende a primeira clase quedou encantada, tanto co tipo de baile como co adestrador. Dimas vía que a Julia tamén lle gustaba moito bailar e que poñía moito interés por aprender e entón propúxonos federala. Pareceunos ben e tiramos para adiante ,empezaron as competición, fixo varias nas cales recibiu un primeiro posto; logo foi o campionato galego en Marín e quedou campioa galega e seguiu co de España quedando tamén campioa na súa categoría", conta a súa nai, quen confesa que todo o esforzo está tendo a súa recompensa.

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"Traballou moitísimo todo o ano para progresar porque aínda que a ela lle gusta moitísimo bailar e sempre está na casa e na praza do seu pobo marcándose pasos, pois sen a axuda do seu adestrador sería imposible conseguir o que conseguiu. Está verdadeiramente feliz porque sinte que o traballo que ambos fixeron deu o seu resultado e porque tanto o adestrador como alumna merecen este premio", di María tamén toda contenta, porque non é para menos. "Nós como pais estamos máis que orgullosos porque desde o primeiro momento vimos o trato e maneira de traballar de Dimas con ela e gustounos moito. Sempre a vimos moi feliz. A ela nunca lle chega o martes para ir a clase con el. Sempre está desexando ir e nós estamos encantados co adestrador co que Julia progresa e aprende e sobre todo con vela sempre desfrutando do baile e vela feliz para nós é o máis importante".

Preme na imaxe para contactar connosco.

Ademais, os pais de Julia tamén están sorprendidos e agradecidos polas tantas mostras de cariño que están recibido estes días. "Estamos moi contentos e moi agradecidos con toda a comarca por tanto cariño porque Julia vai a clase de baile con Dimas en Monterroso e moitísimas personas de Monterroso nos están felicitando. Ademais, seu pai é de Lalín polo que tamén moita xente de alí e por suposto, de Antas que é o noso pobo. Están orgullosísimos dela e iso para nós é un grandísimo orgullo", recalca María. Cabe mencionar que nos pobos pequenos todos nos coñecemos, pero ademais, eles rexentan un negocio tan coñecido, como é o supermercado Medela.


Dende ECOS DA COMARCA desexámoslle a Julia que siga marcando o seu ritmo na bachata e que cree as mellores melodías na súa vida. Parabéns!

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page