Un público entregado encheu este sábado o cenobio durante o espectáculo centrado neste artista e interpretado pola súa filla Lys, por Antonio Barros, por iAlma e por Fernando Calderón
Laura Moure/IsmaelRS/Dozón
O recén reformado Mosteiro de San Pedro de Vilanova, en Dozón, foi este sábado o escenario máxico dun espectáculo centrado en Juan Pardo. O enclave histórico encheuse para ocasión e nel resonaron os grandes temas deste artista ante un público moi entregado. ECOS DA COMARCA tamén tivo o pracer de desfrutar da actuación.
O concerto de onte. Autor: Ecos da Comarca
En concreto, este espectáculo leva por nome Juan Pardo Tributo e forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que enche de boa música a provincia. Neste acto recordáronse algunhas das súas cancións máis recoñecidas a través da unión de dous artistas consagrados, como Lys Pardo (filla de Juan Pardo) e Fernando Calderón, con dous novos valores do panorama galego, como son Antonio Barros e iAlma.
O concerto arrancou sobre as cinco da tarde e rematou uns quince minutos antes das 19 horas. Entre canción e canción, Antonio Barros e Lys Pardo ían contando a historia, anécdotas,... de cada un dos temas de Juan Pardo que ían interpretando así como do propio cantante.
Autor: Ecos da Comarca
Ademais, Lys mencionou como coñecera a
Barros. Foi precisamente nun programa de TVG do pasado Nadal chamado O Sucesor de Juan Pardo, no que ela formaba parte do xurado e no que Barros foi o gañador, alabando o gran potencial deste pedazo de artista, veciño de Mos.
Este espectáculo que se puido escoitar onte en Dozón mestura pezas en acústico con arranxos únicos, sempre respectando a esencia da música orixinal do cantautor pero reinterpretados por este cuarteto e a singularidade das súas voces, e no que o 70% do repertorio é en galego. O público tamén acompañou con palmas gran parte dos temas e tamén se atreveu a cantar.
Temas como La Charanga, Gallo de Pelea, Probiña de tola formaron parte do repertorio de onte. O cuarteto finalizou o espectáculo con Anduriña, pero tras a petición do público, decidiron interpretar outro tema, poñendo o broche final con Xuntos.
Autor: Ecos da Comarca
Comments