top of page

Interior Galego Vivo demanda unha Atención Primaria e Pediatría digna en concellos coma o de Antas

Cuestiona que este municipio da Ulloa non teña pediatra nin matrona, tendo que ir a Monterroso para estes servizos, compartidos con Portomarín e Taboada


Ecos da Comarca/A Ulloa

A plataforma Interior Galego Vivo demanda a dignificación da Atención Primaria e Pediatría no sur de Lugo e entre as distintas localidades nas que se centra está Antas de Ulla. Asegura que os meses finais de 2021 evidenciaron problemas estruturais na Atención Primaria en varias comarcas, que debido á xubilación de persoal médico amortizáronse nos últimos tempos o que redunda nunha maior desatención e mingua de servizos no rural. "No interior galego non só temos que fixarnos no cupo de cada médico, mais atender á dispersión é o que se tarda na atención ao fogar".


"Desde Interior Galego Vivo queremos enviar o noso apoio á veciñanza e colectivos que se mobilizan contra a perda de servizos sanitarios e un especial recoñecemento ao persoal sanitario que asume nas súas costas o sobreesforzo que supón a falta de cobertura das prazas". Ademais, incide en que este problema non é novo. "É estrutural o feito de que non se dan cuberto as baixas, permisos ou ausencias laborais diversas, redundando nunha sobrecarga das e dos profesionais en activo. Un dos motivos é a falta de estabilidade laboral que ofrece o SERGAS, con contratos que se fan por días, despedindo nas fins de semana. Así, amósase unha vez máis o descaro da Xunta e do PP, que anunciara que a supresión da área sanitaria e a integración na de Lugo garantiría a dotación de profesionais. Cada novo recorte nos servizos no rural xustifícase na “eficiencia” ou na “mellora” do servizo que xamais se verifican nen teñen calquera controlo a posteriori".

Por outra parte, apunta que é estrutural tamén a carencia de atención pediátrica en todo o distrinto sanitario. "En concellos a pediatría é tamén estruturalmente precaria. Antas de Ulla non ten pediatra nin matrona, tendo que ir a Monterroso para estes servizos, compartidos con Portomarín e Taboada. Esta praza, asemade, non se cubre de xeito estrutural, polo cal en moitas ocasións se atrasaron citas de vacina ou de seguimento de nenas e nenos sans, así como que se tivo que recorrer a consultas privadas para atender enfermidades".


Así mesmo, sinala que as listas de agarda en pediatría "derivan no recurso a atención privada, que despois de pórse de esguello na pandemia é agora a grande beneficiada das políticas de demolición da sanidade pública. Tamén redunda a situación na proliferación de consultas sen cita ou no PAC do Hospital, pois hai patoloxías que non poden agardar máis dunha semana para a súa consulta. "Así as cousas, desde Interior Galego Vivo consideramos que o SERGAS debe impulsar un plano específico para a mellora da Atención Primaria e Pediatría".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page