top of page
Foto del escritorLaura Moure

Igualdade, teatro e música, protagonistas da programación cultural do mes de marzo en Silleda

Acollerá a mostra itinerante 5x5, a iniciativa Cómicas, habelas, hainas, o espectáculo Pirolíticos, de Mofa e Befa, a estrea de Frida, da Cova das Letras, a ruta polos murais Mulleres Extramuros e un concerto á luz das velas para conmemorar o 8M


Laura Moure/Silleda

A programación cultural do vindeiro mes de marzo traerá ao municipio silledenses distintas propostas ca igualdade como eixo transversal, no mes en que se conmemora o Día Internacional da Muller. Teatro, música, humor en clave feminista, e un roteiro pola parroquia de Cortegada poñendo en valor o proxecto “Mulleres Extramuros”, protagonizan o cartaz con actividades todas as fins de semana.

Así, despois da estrea da Mostra teatral itinerante 5x5 co grupo silledense o vindeiro venres día 3 no auditorio Dopazo, o venres 10 de marzo conmemorase o 8-M cun concerto especial. A cita será no Salón Parroquial de Silleda ás 20:45 co recital Máis Violeta: Elas, son de luz, ca actuación de varias músicas da Banda de Música Municipal de Silleda que interpretarán distintos temas ao estilo dos concertos “candlelight”, a luz das velas. Participan Isabel Díaz Castro e Alba Fernández Blanco (dúo de frautas); Berta Cives Rozados e Antía Rodríguez Espiño (dúo saxofóns; e Paula Suárez Basalo ao piano.


O sábado 11, ás 12:00 horas está programada unha ruta pola parroquia de Cortegada, guiada por Xoana Almar (Cestola na cachola), artista que coordinou o proxecto “Mulleres Extramuros”, da Deputación de Pontevedra. Haberá un percorrido explicando as 7 intervencións artísticas realizadas por mulleres artistas con grande proxección: Lula Goce, Tamara Alves, Virginia Bersabé, Basilisa Fiestras, Laura Iturralde, Vanessa Morais e

Xoana Almar.


O roteiro, para visitar os traballos que poñen en valor a figura da muller no entorno rural, comezará ás 12:00 horas partindo dende o centro social da localidade. Para asistir é preciso anotarse no departamento de Igualdade, chamando ao 986 592 037.


O ciclo de humor feito por mulleres baixo o lema Cómicas, habelas hainas, da Deputación de Pontevedra con coñecidas actrices e monologuistas recalará en Silleda o venres 17. A cita será ás 21:00, para público adulto, no auditorio municipal Manuel Dopazo. Presentadas pola actriz coruñesa Bárbara Grandío (La que se avecina), tres destacadas cómicas galegas traerán ao municipio silledense os seus monólogos. Sobre o escenario estará Jazmín Abuín –actriz, monologuista, cantante e xornalista viguesa-, coñecida por participar tanto en teatro musical como en TV (Acacias 38, Amar es para siempre, La que se avecina ou a recente Machos Alfa). Outra das participantes será Arantxa Treus, a polifacética actriz que compartiu escenario cos mellores monologuistas en Los monólogos de la Treus. Treus tamén traballou en series como Gondar, Serramoura ou Fariña e acadou o premio FETEGA 2022 ao mellor monólogo cómico con Sexo débil, o carallo. Completa a terna de mulleres cómicas Marta Doviro, con máis dunha década sobre os escenarios como actriz, presentadora, cómica… (Pazo de Familia, Luci, programas como Malo Será, Máis Galego…). Tamén recibiu o premio Dorotea Bárcenas á Mellor Monologuista Cómica.


Tamén ca muller como protagonista, chega o 25 de marzo unha nova estrea da compañía silledense A Cova das Letras. O grupo, comandado pola actriz Cristina Collazo presenta a súa aposta teatral sobre un dos iconos mundiais da arte e o feminismo: Frida Khalo. Dirixida ao público familiar, a cita será o sábado 25 ás 18:30 horas no auditorio Dopazo.


No ámbito teatral, pecha a programación unha das compañías máis recoñecidas do panorama galego: Mofa e Befa. Evaristo Calvo e Victor Mosqueira voltan a Silleda con Pirolíticos, unha obra que cos seus habituais sketches e con música, se convirte nunha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades. Dirixida por Clara Gayo e escrita polas poetisas Lucía Aldao e María Lado, Pirolíticos escenifica situación ben recoñecibles polo público, co fin de conseguir unha mellor comprensión da Guía Rápida para unha correcta pirólise.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Aniversario do Coro Vales Mahía e presentación da tempada da Banda de Bandeira

A programación de marzo complétase con outras dúas citas organizadas dende colectivos culturais. Así o domingo día 12 ás 18:30 horas a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira presentará no auditorio da localidade a nova tempada cun concerto. E o sábado 18, ás 19:30 horas celebrará no mesmo escenario o seu décimo aniversario o Coro Vales Mahía.


Actividades 8-M e Plan de Igualdade na web

A programación cultural foi presentada este luns polas concelleiras de Cultura, Mónica González, e de Igualdade, Ángela Troitiño, quen ademais informou que nos vindeiros días se darán a coñecer novas actuacións no marco do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.


Así mesmo, o V Plan de Igualdade do Concello de Silleda, aprobado o pasado mes de xaneiro, xa se pode consultar na web municipal. A difusión das medidas de implementación de Igualdade no municipio, é unha das claves desta iniciativa.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page