Cada comercio sorteará un vale de 25 euros para gastar nos restaurantes asociados e outro de seis, nas cafeterías e bares e cada local de hostalaría, dous vales de 15 € cada un
Usuarios de Aspadeza elaborando os corazóns de San Valentín. Foto: Aspadeza
Laura Moure/Lalín
As seccións de hostalaría e comercio da Asociación de Empresarios de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín reforzarán desde hoxe, xoves, ata o domingo a anunciada campaña do concurso de fotos de San Valentín cunha promoción conxunta, denominada Namórate do comercio e da hostalaría local, que pretende “crear sinerxias entre ambos sectores fortemente vinculados e concienciar á poboación da importancia de consumir nos negocios locais para salvar a economía da comarca”.
Esta nova promoción posibilitará que os clientes dos comercios e establecementos de hostalaría asociados que realicen algún tipo de compra/gasto desde hoxe ata o domingo entrarán no sorteo de dous vales de compra por cada negocio, cuxo importe será asumido pola propia AED. Así, cada comercio sorteará entre os seus clientes un vale de 25 euros para gastar nos restaurantes asociados durante o presente mes de febreiro e outro vale de seis euros para gastar en bares ou cafeterías asociadas.
Pola súa parte, os negocios do sector hostaleiro sorterán entre os clientes dos seus servizos de recollida e/ou entrega a domicilio sendos vales de compra de 15 euros para gastar nos comercios asociados antes de que remate febreiro.
Segundo as normas desta promoción, cada comerciante e cada hostaleiro ocuparasen de realizar o seu particular sorteo e deberá contactar o vindeiro luns, día 15 de febreiro, tanto coa AED como coas persoas agraciadas, para informar do premio, ademais de comunicarlle aos gañadores a relación de establecementos no que poderán canxearse os vales.
Cabe mencionar que os usuarios de Aspadeza elaboraron con moito amor 90 corazóns para a campaña de San Valentín do Centro Comercial Aberto de Lalín.
Comments