top of page

Forno lémbralle a Crespo o aumento das conexións para axustarse aos horarios do tren a Madrid

“Hai un ano que aprobaron a nosa moción referente a este tema, pero a día de

hoxe non hai máis servizos que permitan a nosa veciñanza beneficiarse", indica a candidata socialista á Alcaldía de Lalín


Ecos da Comarca/Lalín

No pleno de febreiro do pasado ano, o PSdeG-PSOE de Lalín presentou unha moción

para instar á Xunta de Galiza a adecuar os horarios das liñas de autobuses entre Ourense

e a capital dezá. Só deste xeito, “a nosa veciñanza se poderá beneficiar realmente da

chegada do AVE a Madrid dende Ourense e das diferentes conexións ferroviarias que hai

dispoñibles”, expón a concelleira e candidata á Alcaldía, Alba Forno.

A solicitude do grupo socialista centrábase en que só existían dúas frecuencias Lalín-

Ourense e unha Ourense-Lalín que non supuñan máis de 30 minutos de agarda. Ante

isto, instaban a Xunta de Galiza a que, polo menos, houbese dispoñibles tres frecuencias

diarias de autobús para a ida e outras tantas para a volta. “Consideramos que as

conexións son aceptables cando non superan os trinta minutos de agarda para o cambio

de modalidade de transporte”, indica. En dito pleno, o goberno do Partido Popular votou a

favor desta proposta, “pero a día de hoxe a situación segue estando igual e os horarios

non se modificaron”.


O AVE entrou en funcionamento no mes de decembro de 2021, “mais a veciñanza

lalinense non ten unha posibilidade real de beneficiarse deste servizo, xa que tería que

agardar horas para ter unha conexión, sen ter que empregar o vehículo propio”. Dende o

PSdeG de Lalín consideran que destas conexións coa capital do Estado non só se

benefician as persoas que se teñen que desprazar por motivos laborais, senón que atrae

ao turismo a Galicia, e “por ende, podería atraelo tamén a Lalín, pero para iso é preciso

unhas mellores conexións nos transportes”.

A candidata á Alcaldía pregúntalle a José Crespo cando ten pensado poñerse a traballar

neste tema, “porque facer Cocidos en Miami ou convocar aos numerosos conselleiros non

é o que fomenta o turismo da nosa vila, senón ter mellores conexións e ofrecer servizos

de calidade”, reprocha Forno e engade que “debería pensar en converter a Lalín nun

destino atractivo”.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page