Conformará ademais un foro de reflexión e debate sobre temas de máxima actualidade no que está programado o congreso Concellos 2030, encontros e presentacións
Laura Moure/Silleda
A Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda) ultima xa a primeira edición da Feira de Servizos Municipais, ExpoMunicipal 2024, que terá lugar do 11 ao 13 de abril e en cuxa organización conta co apoio da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Administración Local. ExpoMunicipal dará resposta ás necesidades e retos dos municipios e entidades territoriais ante o actual escenario social, o cal esixe cidades máis sostibles, eficientes, accesibles, seguras e verdes.
Para iso a súa área expositiva mostrará o último en equipamento e servizos municipais de man de empresas líderes no sector que confirmaron a súa asistencia, as cales se centran en mobiliario urbano, limpeza, ciclo da auga, xestión e tratamento de residuos, medio ambiente, enerxías alternativas, obra pública, sinalización, xardinería e paisaxismo, mobilidade urbana, instalacións deportivas e de lecer, iluminación, xestión cultural e organización de eventos, tecnoloxía para monitorización de estradas, xestión documental e catastral, concesionarias, alugueiro e venda de maquinaria para servizos municipais,
subministracións, consultorías ou centros especiais de emprego.
Publicidade
Alcaldes e corporacións municipais, construtores e promotoras, empresas de servizos e tecnolóxicas, técnicos municipais, aparelladores e arquitectos, enxeñeiros ou consultores, entre outros, poderán coñecer todas as posibilidades e solucións dispoñibles para planificar os seus investimentos ou desenvolver os seus proxectos.
ExpoMunicipal 2024 será demais un foro de reflexión e debate sobre temas de máxima actualidade no ámbito da xestión municipal, a través do interesante congreso “Concellos 2030”, o cal está a pechar o seu programa, e tamén de diversas presentacións.
Publicidade
Por outra banda, ExpoMunicipal 2024 celebrarase de forma paralela á cuarta edición de Enerxétika, feira da enerxía que xa é amplamente recoñecida no sector. Unha traxectoria e interrelación con ExpoMunicipal respecto a diversos ámbitos expositivos que supoñerá un interesante valor engadido para ambas as citas pola creación de interesantes sinerxías.
Inscrición para visitantes profesionais
A feira conta na súa páxina web, www.expomunicipal.es, cun apartado destinado ao rexistro de visitantes profesionais que queiran visitar a feira durante algún dos seus días de celebración. Así, poderán inscribirse en liña para acceder de forma gratuíta ao certame sen esperas.
Comments