top of page

Esixen un maior control na suministración das vacinas Covid segundo o historial do paciente

Habilítase o teléfono 881 002 021 para poder consultar a cita de vacinación

Punto de vacinación no hospital clínico de Santiago.

Autor: Ecos da Comarca

Laura Moure

A Xunta de Galicia suspendeu a administración das vacinas de AstraZeneca nas persoas menores de 60 anos tras decidilo o Ministerio de Sanidade e as comunidades. Así, na xornada deste xoves o goberno autonómico desconvocou ás 1.403 persoas, pertencentes aos colectivos profesionais esencias, que estaban chamadas a vacinarse ese mesmo día con esa dose. Ademais, o Servizo Galego de Saúde tamén está a reprogramar as citas dalgunhas persoas maiores de 60 anos, debido ao axuste das doses en cadansúa área sanitaria. As decisións foron adoptadas trala da xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que se celebrou o mércores, e na que se acordou suspender a inoculación da vacina elaborada pola farmacéutica británica, nas persoas menores de 60 anos. Veciños das comarcas esixen un maior control na suministración das vacinas segundo o historial clínico de cada paciente.


O acordo de suspender a vacina neste rango de idade incide naqueles grupos poboacionais que pertencen ás profesións definidas como esencias para a sociedade dentro da Estratexia de Vacinación establecida polo Ministerio de Sanidade, aos que se lles reprogramará as súas citas. Neste senso, en Galicia onte estaba prevista a vacinación de docentes e persoal de Educación Infantil e Especial, centros de menores, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou Servizo Marítimo, entre outros. Ata o de agora, o número total de vacinas de AstraZeneca administradas en Galicia é de 140.903 doses. Isto está provocando maior incertidume entre os veciños, incluso, o propio alcalde de Lalín, José Crespo, tildaba esta decicisión de "menuda falta de rigor e de seriedade" ao estar continuamente suspendendo ou retomando esta vacina.


Ademais, está habendo outro tipo de queixas por ter que trasladarse a puntos como a Cidade da Cultura. "En vez de poder ir a Lalín, agora tivemos que ir a Santiago. A min chamaron para ir un día e ao seguinte, a miña muller polo que tivemos que pagar dous taxis", apunta un veciño de Agolada, quen ademais, facíase eco da multitude de xente que se concentrou no lugar. "Tiven que agardar máis de dúas horas", sinala.


Por outro lado, un veciño de Dozón esixe que que se revisen o historiais médicos dos pacientes, algo que tamén reivindica máis xente. Este lugareño cóntanos a súa historia tras avisar a súa nai para ir vacinarse esta semana. "Penso que están acelerando bastante o ritmo de vacinacións e están chamando a moita xente da nosa zona para ir a vacinarse a Santiago. Por que agora o aceleraron? Porque entraron moitas doses da vacina de AstraZeneca e incorporaron recentemente a ese grupo de persoas aqueles que teñen entre 55 e 65 anos, aínda que agora xa cambiaron de criterio xusto ao día seguinte. Á xente estalle empezando a chegar unhas mensaxes de dous tipos: se che mandan unha mensaxe que require confirmación vanche aplicar a Pfizer. De feito, saíu publicado nalgúns medios este procedimiento, pero non tivo demasiada difusión. Mentres se che mandan outra que non require confirmación é a de AstraZeneca", asegura este veciño. "A min enviáronme para que fose miña nai a vacinarse só con 24 horas de antelación ao punto de vacinación de Santiago. Estiven investigando os protocolos e descubrín que miña nai lle ían suministrar a de AstraZeneca e empecei a facer averiguacións. Porque miña nai ten 64 anos, entraba nese rango de idade, pero está case no límite, e ademais ten, non son graves nin extremos, pero si certos problemas de riego sanguíneo. Se sumamos todo iso e vemos que é unha vacina que ten tendencia a provocar problemas cardiovasculare, concretamente trombos sobre todo a nivel cabeza e cerebro, non parece a mellor combinación", lamenta este veciño de Dozón.


Insiste na necesidade de facer unha evaluación previa de cada paciente." Partimos da base de que antes de chamar á xente deberían ter revisado os historiais, pero convocan unha listas e para adiante. Informeime e conseguín un número de teléfono que é dende onde se coordinan as vacinas. Hai que marcar a opción tres. O sorprendente é que se buscas o número en Google non aparece como vinculado a centro de coordinación de vacinación senón para que os posibles turistas comuniquen que viaxan a nosa comunidade", sinala. El conseguiu falar con eles. "E así canceláronlle a miña nai a cita do día seguinte e fixen unha reclamación para que revisaran o historial dela antes de poñerlle unha vacina que é potencialmente perigosa. E así conseguín que a deriven á vacina que sexa adecuada. Por iso debemos esixir que fagan unha valoración dos riscos que é o que debían ter feito desde un principio".


Cabe mencionar que efectivamente está habilitado o teléfono 881 002 021 para que os maiores de 80 anos e persoas sen recoñecemento do dereito á protección da saúde poidan solicitar ou consultar a súa cita de vacinación en horario de luns a venres de 8:00 a 21:00 horas, que foi no número ao que chamou este veciño de Dozón. Temos que dicir que nós intentamos varias veces chamar, pero daba comunicando, polo que entendemos que son moitas as consultas que se están facendo.


"Penso que é importante que a xente saiba que se pode abrir unha incidencia, que foi o que fixen eu para que lle valoren o seu caso e os riscos de poñer unha vacina concreta. Por poder podes reclamar ou rexeitar tal ou cal vacina, pero desprázante nas listas cara atrás e vacinaste máis tarde", apunta. Ademais insiste en que "creouse unha imaxe no subsconsciente colectivo de que se te chaman para vacinar xa tes que dicir si e facer o que che din cando en realidade temos uns dereitos. Sabemos que a situación da pandemia é complicada, pero trátase de que non fagan listas a montón e de que nos traten como a persoas que poden ter complicacións. Non somos unha cifra nunha base de datos", recalca.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page