Ambos certames sumarán no recinto da Feira Internacional Abanca de Galicia, en Silleda, máis de 7.400 metros netos de superficie e preto de 100 conferencias
Laura Moure/Silleda
O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA inaugura este xoves unha dobre cita feiral, coa cuarta edición do salón de enerxía Enerxétika e a primeira da feira de servizos municipais ExpoMunicipal. Ambos certames reunirán ata o sábado 520 firmas expositoras de 24 países dos sectores enerxético e municipal, as cales estarán representadas por 181 expositores directos de España, Portugal, Andorra, Francia, Italia, México, Israel e República Checa. As entidades estranxeiras presentes supoñerán un 9,9% do total.
Estes expositores, entre os que se atopan moitas das empresas máis importantes dos
seus respectivos sectores, ocuparán os dous pavillóns principais do recinto, sendo a
superficie neta conxunta de 7.441 metros cadrados.
Por outra banda, os seus programas acollerán case un centenar de conferencias nas
que intervirán 120 expertos de distintos ámbitos, ademais de moitas outras propostas,
como espazos de innovación, demostracións, talleres ou áreas divulgativas.
Enerxétika 2024
A cuarta convocatoria da feira de enerxía Enerxétika, apoiada pola Xunta de Galicia a
través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, contará con 270 firmas de
17 países, o que supón un 4% máis que na última cita, celebrada en 2022. Delas 110
son expositores directos de España, Portugal, Francia, México e Israel, un 23,6% máis
que proceden do dobre de países que entón.
Entre estes expositores estarán presentes empresas de enerxías convencionais e
renovables e dos ámbitos da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e
equipos para instalacións, electrónica industrial ou servizos.
Enerxétika 2024, que conta co patrocino de Red Eléctrica, incluirá un atractivo
programa onde as xornadas serán unha peza clave. Serán preto de 70 que se
agruparán en 27 xornadas que profundarán en temas como almacenamento de
enerxía e transición enerxética en Galicia, a biomasa como unha oportunidade
estratéxica para Galicia, política enerxética en Portugal, o mercado eléctrico chileno,
hidróxeno verde, rehabilitación enerxética integral de edificios, mobilidade eléctrica,
instalacións de autoconsumo ou xeotermia, entre moitos outros.
Ademais, o programa volverá contar co SIE, o Salón de Innovación Enerxética, espazo
que se centra en poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade,
a eficiencia e as enerxías renovables, e que nesta ocasión mostrará 11 proxectos.
Sumaranse destacados encontros sectoriais de entidades que apostan pola feira para
reunirse e levar a cabo diversos actos.
Por outra banda, a feira acollerá unha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos
de enerxía e a eficiencia enerxética. Incluirá zonas temáticas con demostracións,
actividades, paneis informativos e espazos de proxección tanto para aprender sobre
enerxía en xeral como para coñecer medidas de aforro e eficiencia aplicadas á nosa
vida cotiá. Desenvolverá ademais un programa específico para escolares.
Outra interesante proposta para público xeral será a posibilidade de probar vehículos
eléctricos, híbridos e de hidroxeno de última xeración e prestixiosas marcas.
A primeira cita de ExpoMunicipal
A Feira de Servizos Municipais, ExpoMunicipal, estréase no recinto con 250 firmas
expositoras de 18 países, dos cales 71 son expositores directos de España, Portugal,
Italia, Francia, Andorra e República Checa. Unhas cifras notables que ademais dotan
xa a esta primeira cita dun importante carácter internacional.
Este certame, cuxa organización conta co apoio da Vicepresidencia Primeira e
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, dará resposta ás
necesidades e retos dos municipios ante o actual escenario social, que esixe cidades
máis sostibles, eficientes, accesibles, seguras e verdes.
Para iso, a súa área expositiva mostrará o último en equipamento e servizos
municipais de man de empresas líderes centradas en mobiliario urbano, limpeza, ciclo
da auga, xestión e tratamento de residuos, medio ambiente, enerxías alternativas, obra
pública, sinalización, xardinería e paisaxismo, mobilidade urbana, instalacións
deportivas e de lecer, iluminación, xestión cultural, tecnoloxía, xestión documental,
concesionarias, alugueiro e venda de maquinaria, subministracións ou consultoría.
Unha oferta que permitirá que alcaldes e corporacións municipais, técnicos, enxeñeiros
ou consultores coñezan todo tipo de posibilidades.
Publicidade
A feira, que conta co patrocinio de Ferrovial, será así un atractivo escaparate, pero
tamén un foro de reflexión sobre temas de actualidade. No seu marco desenvolverase
o congreso “Concellos 2030”, cuxos temas centrais serán o ciclo de auga, o aforro
enerxético, a xestión dos residuos e a mobilidade urbana, piares básicos para
conseguir concellos máis sostibles. Participará unha trintena de relatores en máis de
20 conferencias e mesas redondas, nas que se falará de aspectos como a Axenda
2030, a estratexia galega de biorresiduos, o límite legal para as novas taxas e
ordenanzas ambientais, implantación de materia orgánica, a axenda enerxética galega,
a nova lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga ou a mobilidade urbana.
Sumaranse demostracións que mostrarán as utilidades de distintos produtos e
servizos. Entre elas, de limpeza viaria de alta presión con maquinaria de gran
autonomía e mínimo impacto, aspiración de follas con equipos de alta capacidade,
triturado de ramas con máquinas dotadas de amplas tolvas, roza con mecanismos de
control remoto sobre orugas, desatasco con dispositivos de presión ou simulación de
limpeza de praias con innovadores equipos. Tamén se poderá ver o funcionamento de
softwares de detección de irregularidades catastrais mediante o uso de intelixencia
artificial.
Kommentit