O candidato e actual alcalde de Silleda deu a coñecer este sábado a estes tres mozos
que se estrean en política na lista para o 28-M
Laura Moure/Silleda
O candidato e actual alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, deu a coñecer onte a tres novas incorporación á súa lista para os comicios do 28-M. Encarna Oleiro Novo, Manuel Requeijo Rey e Flavia Payno Gonçalves estréanse na candidatura dos socialistas de Silleda.
Encarna Oleiro Novo, de 20 anos e veciña da parroquia de Cira, é graduada en Técnico Superior de Dietética e na actualidade estuda o Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (Universidade de Vigo). Encarna afronta a súa estrea como un “novo reto no cal me comprometo a escoitar o noso pobo e traballar polo benestar de toda a veciñanza”, engade.
Manuel Requeijo Rey, de 35 anos, é natural de Chapa. Estudou o grao medio de Electricidade e a día de hoxe traballa nunha industria cárnica do municipio. “Participar na política é unha oportunidade para avanzar, axudando ao meu pobo. É un reto grande pero que asumo con ilusión e compromiso”, sinala.
Pola súa banda, Flavia Paino Gonçalves é Graduada en Dereito. Aos seus 24 anos esta veciña da Bandeira está a preparar oposición ao Corpo Superior de Administración. "Decidín entrar en política porque creo que é importante que a xuventude estea
representada, sexa escoitada e participe na toma decisións que melloren o porvir do noso concello", sinala Flavia, que é ademais secretaria de Xuventude na executiva local silledense.
O candidato á Alcaldía de Silleda, Manuel Cuiña, amosou durante a presentación destas tres novas caras a súa satisfacción por contar con Encarna, Manuel e Flavia “que representan a forza da mocidade, do noso futuro, a ilusión por seguir poñendo en marcha
novos proxectos” e deulles a benvida ao equipo que seguirá dándose a coñecer nos vindeiros días.
Comments