top of page

Disiclin Racing destaca no 25 Rali do Cocido xa que o equipo dezá quedou ás portas do pódium

Javier Ramos e Álex Moure logran un cuarto posto na clasificación xeral


Laura Moure/Deza

Rematou a vixésimoquinta edición do Rali do Cocido e fíxoo da mellor forma posible para o equipo de Javier Ramos e Álex Moure. O 25 Rali do Cocido arrancaba na noite do venres 15 coa disputa do treito espectáculo, e pese a algún pequeno contratempo, a parella do Volkswagen Polo GTI R5 lograba un meritorio sétimo posto.


A segunda etapa comezou de noite e con asfalto en seco. Comezaba a xornada do sábado moi cedo coa disputa do treito de Silleda para continuar no do Couto e rematar bucle en Saborida. Ramos e Moure saíron con cautela e coa intención de adaptarse ó coche, o que lles valeu para subir ata o quinto lugar da clasificación ó final do bucle, a

pesares de perder tempo no treito de Saborida debido á presenza de choiva (tendo montados neumáticos de seco), o que os obrigou a rematar esta especial con moita precaución.

Javier Ramos e Álex Moure durante o Rali do Cocido.

Na repetición dos treitos, xa con moita auga sobre o asfalto, o abandono de Félix Macías, permitíalle ascender ó equipo ata a cuarta posición da Xeral Scratch. Resulta curioso, que en Saborida-2, cun asfalto completamente empapado, o Vokswagen Polo GTI R5 foi o único equipo da parte dianteira que logrou mellorar o seu crono, concretamente en 8”, agora xa con rodas de choiva extrema.


A tarde aínda foi máis complicada

Co equipo asentado no cuarto posto, pero con Albert Orriols (Campión de Cataluña de Rallyes en varias ocasións) en quinta posición, a escasos 6” da dupla dezana, comezou a xornada vespertina.


No tercerio bucle, mentres Óscar Palacio e Jorge Pérez loitaban polo liderato do rali, Ramos-Moure con un ritmo constante e sen cometer erros, marcaban o terceiro mellor tempo en Vila de Cruces, Carballeda e no complicadísimo Rodeiro-Dozón. Un traballo que permitiu alonxar a Orriols-Pujolar a máis dun minuto, e incluso recuperando terreo a Sergio Vallejo – Álvaro Louro, que tiveron pequenos contratempos neste bucle e que estaban a 35” antes de afrontar o bucle definitivo.


A rematar a faena no último bucle

Asentados comodamente no cuarto posto da clasificación xeral, e despois de chegar a esta altura sen contratempo algún, a única misión era chegar ó parque pechado final, dun rali dos máis complicados que se recordan en Lalín.


“Tomamos o primeiro bucle como adaptación ó coche, e continuamos superando treitos coa única misión de completar o rali. Foi unha pena que comezase a chover tan cedo, xa que me gustaría poder correr unha pasada por Saborida en seco, pero cando o tempo se pon complicado sólo queda adaptarse ás condicións para non cometer erros innecesarios", indica Javier Ramos. "Á medida que avanzaba o rali, estabamos máis cómodos co Volkswagen Polo GTI R5 (que non nos dou nin un problema en todo o día), e de ahí que fixésemos un rali moi regular diante de grandes rivais con moita experiencia. Agradecerlle ó preparador ArVidal o seu traballo impecable e felicitar á organización por sacar adiante unha edición tan especial", engade.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page