top of page

Deza – Tabeirós é líder provincial en corta de coníferas, en tanto o distrito forestal de Caldas – Salnés lidera a clasificación en cortas de eucalipto

Os propietarios forestais de Pontevedra facturan no 2023 máis de 38 millóns de euros en cortas de madeira


Laura Moure/Deza

O sector forestal confirma a súa estabilidade, pois tralo ciclo alcista de prezos e demanda que se viviu no 2022, o mercado mantivo no 2023 as cifras medias de cortas do periodo 2018-2021. En Pontevedra, os propietarios forestais superaron os 38 millóns de facturación, cunhas cortas de 1,3 millóns de metros cúbicos de madeira, o que representa un 14% da madeira cortada en Galicia.


Pontevedra é, xunto con Lugo, a provincia da comunidade que presenta maior equilibrio de cortas entre coníferas e eucaliptos. No caso de Pontevedra, aproveitáronse no 2023 un total de 573.000 metros cúbicos de coníferas e 667.000 de eucalipto.

En consonancia con este escenario, dos 38 millóns de euros que ingresaron os propietarios forestais da provincia por vendas de madeira no 2023, 17,7 millóns de euros corresponden ós piñeiros, 19,2 millóns ós eucaliptos e 1,1 millóns ás frondosas

caducifolias, que manteñen un aproveitamento industrial residual (57.000 metros cúbicos cortados en toda a provincia no 2023), máis alá do seu uso como leñas domésticas.


No 2023, houbo menores prezos e demanda que o ano anterior, polo que como é lóxico, o volume de cortas reduciuse na provincia no 2023 en torno a un 12% en relación ó 2022, se ben mantivo cifras superiores ás do 2021.


Datos por Distritos Forestais

En coníferas, destaca o distrito forestal de Deza – Tabeirós, con 240.000 metros cúbicos, seguido de Vigo – Baixo Miño con 149.000 metros cúbicos e do de Caldas – O Salnés, con 128.000.


Publicidade

A principal conífera en cortas é o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), en tanto o piñeiro

radiata representa arredor dun 10% das cortas e o resto de especies de coníferas, como o piñeiro silvestre, é anecdótica nas cortas provincia.


En eucalipto, destaca Caldas – O Salnés, pois aglutina máis da metade das cortas da especie na provincia, con 351.000 metros cúbicos. En segundo lugar, sitúase o Deza – Tabeirós con 145.000 e en terceiro Vigo – Baixo Miño, con 125.000. Salvo no Deza, onde se estima un 40% de cortas de eucalipto nitens, a práctica

totalidade das cortas dos outros distritos corresponden a eucalipto globulus.


Publicidade

Prezos da madeira

En prezos, a rolla selecta de piñeiro, con maiores diámetros e calidades, situouse no

último ano nos 70 euros, en tanto a rolla de 1ª e 2ª moveuse no arco dos 30 – 40 euros, e o puntal para trituración no entorno dos 20 euros.


O eucalipto, pola súa banda, rondou prezos no arco dos 29-31 euros. En tódolos casos, trátase de prezos medios en pé, sen Ive e con casca. Hai que lembrar que nos prezos da madeira inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page