top of page

Datos de Covid nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa deste venres, 12 de marzo

Seguen sendo sete os concellos que non rexistran novos casos e só Lalín supera a decena


Laura Moure

VENRES 12 MARZO

Fonte: Ecos da Comarca


Un día máis seguimos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, venres 12 de marzo, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Seguen sendo sete os municipios que non rexistran novos casos: Agolada, Dozón, Rodeiro, Melide, Santiso, Antas de Ulla e Palas de Rei. Os demais concellos, a maioría deles, sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos.


Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, Arzúa, Boimorto, Touro e O Pino seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Todos están no nivel mínimo de restrincións.


Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Agolada, Dozón e Rodeiro non teñen ningún novo afectado; Lalín mantense con 14 activos e Silleda seis, tal e como informou onte o Concello, xa que hoxe de momento, non trascendeu a cifra concreta, pero os casos descenden con respecto a xornadas anteriores e Vila de Cruces continúa cunha taxa de entre 1 e 9 afectados, en concreto ten seis como informou hoxe o Concello. Todos estes municipios están no nivel de restrinción media, é dicir no mínimo.

(ACTUALIZACIÓN) Despois do mediodía o Concello de Silleda informou que este municipio pasa de seis a 37 activos, tras confirmarse un brote na Residencia de Maiores de Silleda. Dende o Concello agárdase que todas as persoas afectadas, de momento asintomáticas, se recuperen satisfactoriamente e que os efectos da vacinación resulten efectivos á hora de superar a enfermidade. Así mesmo, dende a Alcaldía solicitarase ao Comité clínico da Consellería de Sanidade que non se teñan en conta estes casos á hora de establecer restriccións, dado que se trata de persoas que non interactúan socialmente co resto dos habitantes. Os casos serían confirmados por probas PCR nas últimas horas logo de detectarse un primeiro caso o pasado mércores no centro silledense, onde non se rexistrara ningún contaxio dende o inicio da pandemia.


Na comarca Terra de Melide, Sobrado dos Monxes e Toques seguen cun rango de entre 1 e 9 afectados mentres que en Santiso e Melide continúan sen rexistrarse ningún novo caso. Aquí todos os concellos están no nivel medio de restrincións menos Sobrado que continúa no alto.

Por último, na comarca da Ulloa, un día máis en Antas de Ulla e Palas de Rei non se contabilizaron novos afectados nos sete últimos días e Monterroso sitúase nunha taxa de entre 1 e 9 casos. Todos están no nivel mínimo de limitacións.


Debemos ser prudentes e tomar todas as precaucións para evitar que os casos volvan ascender.

Fonte: Ecos da Comarca

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page