top of page

Datos de Covid nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa deste sábado, 10 de abril

Segue habendo unha decena de concellos que non rexistran novos contaxios nos últimos sete días

Laura Moure

SÁBADO 10 ABRIL

Fonte: Ecos da Comarca


Continuamos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, 10 de abril, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Segue habendo unha decena de municipios que non rexistran novos casos nas últimas sete xornadas: Agolada, Dozón, Rodeiro, Santiso, Sobrado dos Monxes, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Touro e O Pino. Os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos, agás Lalín que ten 12 casos activos.

Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, un día máis O Pino e Touro non rexistran novos casos nos últimos sete días, pero hai que recalcar que O Pino ten entre 1 e 9 casos segundo a incidencia acumulada a 14 días. Mentres que Arzúa e Boimorto están nunha escala de entre 1 e 9 contaxios. Todos están no nivel máis baixo de restrincións, agás Boimorto que está no medio e pasará ao alto este luns. Cabe mencionar que en Boimorto o Sergas levará a cabo un cribado entre a poboación de 31 a 65 anos.

Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Dozón, Rodeiro e Agolada non teñen ningún novo afectado e Lalín mantense con 12 casos activos. Mentres, Vila de Cruces e Silleda están nun rango entre 1 e 9 afectados. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións.

Na comarca Terra de Melide Santiso e Sobrado dos Monxes continúan un día máis sen contabilizar novos casos nos últimos sete días, mentres que Toques e Melide teñen entre 1 e 9 contaxios. Aquí todos os concellos están no nivel máis baixo.

Por último, na comarca da Ulloa Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso non contabilizan ningún novo afectado unha xornada máis. Todos están no nivel mínimo de limitacións.

Cabe mencionar que hai establecidos catro niveis de limitacións segundo a incidencia acumulada de contaxios de cada concello.

  • No nivel máximo está A Pobra do Caramiñal e O Grove. A hostalaría está pechada e non se permiten tampouco as reunións de non convivintes.

  • No nivel alto están A Pobra do Brollón, Rábade, O Irixo, Monterrei, A Illa e Carral. . A hostalaría pode abrir as terrazas ao 50% e con horario ata ás 21:00 horas.

  • No nivel medio: os concellos de Beade, Cortegada, Padrenda, O Carballiño, Boimorto, Sanxenxo, Meis, Cangas, Gondomar, Moaña e Baiona. O peche dos locais hostaleiros é ás nove da noite e permítese o uso ao 30% do interior dos establecementos e no exterior, o 50%.

  • E por último, no nivel baixo figurarán o resto dos municipios galegos. O horario de restaurantes, bares e cafeterías é ata ás 21:00 horas con 75% de límite nas terrazas e 50% no interior.

Ademais, a Consellería de Sanidade permite desde hoxe, sábado, as reunións de non conviventes nos domicilios e limítase a catro persoas no interior das vivendas e a seis en zonas exteriores. E tamén se pode viaxar en coche con persoas non conviventes.


Cambios de novo este luns

O luns volverá haber cambios nalgúns concellos en canto ao nivel de restrincións. Entre estas modificacións só haberá unha en referencia aos 17 concellos das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, xa que Boimorto pasará do nivel medio ao alto.

O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola Covid-19, acordou este venres, a incorporación do concello de Carballeda de Valdeorras á listaxe de concellos con nivel máximo de restricións, xunto cos concellos da Pobra do Caramiñal e O Grove.


A grupo de expertos determinou o establecemento do nivel alto de limitacións en oito concellos galegos, nomeadamente, nos municipios de Boiro, Barreiros, Pobra do Brollón, Monterrei, A Illa, Boimorto, O Irixo e Carral.

Ademais, quedarán no nivel medio os municipios de Rábade, Ribadumia, Soutomaior, Vilaboa, Vilanova, As Neves, Noia, Sanxenxo, Meis, Baiona, Gondomar, Carballiño, Cortegada e Padrenda.

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.


Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas deste luns, 12 de abril.

Fonte: Ecos da Comarca

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page