top of page

Datos de Covid nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa deste mércores, 10 de febreiro

Arranca esta tarde o cribado en Lalín e finalizará o de Vila de Cruces


Laura Moure

MÉRCORES 10 FEBREIRO

Fonte: Ecos da Comarca


Continuamos informando sobre os casos de coronavirus nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, mércores 10, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou en algúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que as cifras poden mudar en calquera momento e é necesario seguir tomando todas as precaucións.


Na comarca arzuana, segue habendo un descenso nas catro localidades. Arzúa pasa de 69 a 68, O Pino de 34 a 29, Touro de 13 a 12 e Boimorto segue cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Cabe recordar que mañá e pasado terá lugar un cribado en Arzúa e a corporación municipal anima á participación. "Levamos varios días cun número elevado de casos confirmados no noso municipio, motivo polo que os grupos políticos que formamos parte da Corporación Municipal de Arzúa (Alternativa por Arzúa, Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego, PSdG-PSOE e Compromiso por Galicia) nos diriximos a todos os veciños e veciñas do municipio para facermos un chamamento público dirixido á participación de todas as persoas que sexan citadas para a realización da proba que o Sergas realizará no centro de saúde de Arzúa este xoves e venres, días 11 e 12 de febreiro". Trátase dun cribado masivo dirixido ás persoas con idades comprendidas entre os 30 e os 49 anos, que serán emprazadas mediante unha mensaxe ao móbil no que se indicará o día e a hora no que deberán acudir ao centro de saúde para a realización da citada proba. O Sergas ten previsto contactar con 960 veciños.


Na comarca dezana, Dozón e Rodeiro seguen cunha taxa de entre 1 e 9. Hai un lixeiro aumento en Lalín que pasa de 86 a 87. Pola contra, no resto de municipios hai unha baixa: Agolada descende de 15 a 12, con respecto a onte, segundo como informa o concelleiro de Sanidade, Marcos Galego; en Silleda tamén son menos os casos. O Sergas fala de 69, pero pola tarde o Concello de Silleda informou que son 72 os activos . E en Vila de Cruces os afectados pasan de 51 a 48. Hoxe continuará o cribado no centro de saúde do municipio cruceño tamén no mesmo horario ca onte, de 15:40 a 19:40 horas. A participación de onte foi do 68,48% e detectouse un positivo. E hoxe pola tarde tamén arrancará o de Lalín que se prevé que continúe mañá e pasado. Será no Lalín Arena e aplicaráselle a unhas 2.500 persoas de entre 31 e 50 anos que se citarán previamente a través dunha mensaxe ao seu móbil.


Na comarca Terra de Melide, na localidade melidense son tres menos os afectados con respecto a hai 24 horas e rexistra 42 e Sobrado dos Monxes, Santiso e Toques seguen entre 1 e 9, xa que non transcenderon as cifras concretas.


Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, tamén continúa entre 1 e 9 casos, Monterroso descende nun caso e queda con 16 e en Palas de Rei os afectados baixaron en seis tendo así 37.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page