top of page

CXL poñerase en contacto co equipo de campaña do PP para propoñer facer dous debates electorais

Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, vén de dar instrucións ao seu equipo de campaña para que se poña en contacto co equipo de campaña do Partido Popular para propoñer e, de ser o caso, empezar a deseñar a celebración de dous debates electorais de cara aos comicios municipais do 28 de maio. Trátase dunha proposta que o candidato e os membros da súa formación levan madurando dende hai tempo e que se lanza agora que xa están oficialmente convocadas as eleccións, que “é cando corresponde”. Tamén se trasladará a mesma idea ao resto de formacións.

Nesta liña, Compromiso por Lalín aposta porque se siga o modelo que se aplica de maneira habitual na celebración doutros comicios, como poden ser as eleccións xerais ou as autonómicas. Por unha banda, un debate entre os representantes de cada unha das forzas políticas con representación no Concello de Lalín; e por outra, un cara a cara entre Crespo e Cuiña, o actual alcalde e cabeza visible do goberno local e o líder da oposición, como representante da segunda forza política do Concello.

Compromiso suxire que eses debates sexan moderados por un ou unha profesional independente e que poidan celebrar nun espazo municipal, como o auditorio. Deste modo, ademais da súa emisión en directo a través de algún ou algúns medios de comunicación, poderán ser abertos ao público, para o cal se fixarían unhas normas de comportamento que non entorpezan ou inflúan no seu desenvolvemento.

Tamén se pretende que ademais das intervencións fixadas para cada participante, en función de bloques temáticos previamente acordados, os medios de comunicación e incluso os asistentes poidan ter unha quenda de preguntas para resolver dúbidas sobre os diferentes modelos políticos a debate.


Cuiña salienta que, nunha democracia madura, os debates electorais son unha ferramenta fundamental para que os electores poidan avaliar aos candidatos e tomar unha decisión informada nas eleccións. Son unha parte fundamental do proceso, xa que permiten que os electores obteñan información de primeira man sobre os candidatos e os seus programas, incentivando a participación, promovendo a transparencia, e axudando a garantir de maneira pública que os candidatos se responsabilicen das súas accións e declaracións.

Nesta liña incide en que permiten que os electores confronten e comproben de maneira directa as diferentes ideas e proxectos para a vila, poñendo en claro diferenzas de opinión e iniciativas nas que os candidatos defenden modelos contrapostos.

A maiores, tamén contribúen a que os candidatos dean a cara de maneira pública e asuman as súas declaracións e accións, tanto as pasadas como as que propoñen para o futuro. Trátase tamén de render contas por elas e que os e as votantes poidan tomar decisións fundamentadas sobre o modelo político que prefiren para o seu pobo e non sesgadas por outros factores.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page