top of page

Cornado, en Touro, celebra o 1 de novembro a VII Festa dos Rixóns

hace 3 minutos
2 min de lectura

Será unha xornada de gastronomía, música, Samaín e reivindicación da vida no rural


Laura Moure/Touro

A parroquia de  San Tirso de Cornado, no concello de Touro, celebrará o vindeiro domingo, 1 de novembro, a VII Festa dos Rixóns en Pota de Ferro, unha cita que mestura gastronomía tradicional, música, cultura popular e actividades arredor do Samaín, nunha xornada pensada para compartir, celebrar as tradicións e fortalecer os lazos da comunidade. A xornada festiva está organizada pola Asociación O Batán, coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, e do Concello de Touro.


O Campo da Festa converterase no punto de encontro dunha celebración na que a tradición gastronómica dos rixóns convivirá co ambiente propio do outono e do Samaín, unha época do ano na que as cabazas, os disfraces e a imaxinación cobran protagonismo.

A programación comezará ás 13:00 horas co pregón-faladoiro de Noa García Amado, nova veciña da parroquia, que compartirá unha reflexión arredor da vida no rural, da posibilidade de construír aquí un futuro, de impulsar proxectos, crear comunidade e apostar pola cultura.


Dende a organización destacan a importancia de recibir persoas que chegan ao rural con ganas de participar, achegar ideas e sumar á vida colectiva. A chegada de novos veciños e veciñas que se implican na comunidade contribúe a enriquecela e a fortalecer unha forma de vida na que a convivencia, a colaboración e o respecto polas tradicións seguen a ser fundamentais.


Ás 13:15 horas dará comezo o vermú coa Pinguela de Bama e, a continuación, será a quenda do xantar, cun menú no que os rixóns serán os protagonistas, acompañados de filloas, tortillas e pizzas de rixóns. Unha proposta gastronómica para gozar dos sabores tradicionais e compartir arredor da mesa o ambiente festivo desta celebración.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, o Samaín volverá ter un papel destacado co concurso de disfraces, unha das actividades pensadas para fomentar a participación e a creatividade. A proposta está aberta á temática da Festa dos Rixóns, o Samaín e o outono, polo que haberá espazo para cabazas, personaxes misteriosos, creacións terroríficas e todo tipo de disfraces orixinais.


O concurso contará con dúas categorías, infantil e adultos, e permitirá participar tanto individualmente como en grupo. Na categoría infantil entregaranse dous premios, con diploma, libro ou xogo e lambonadas; na categoría adulta haberá dous premios compostos por lotes de produtos de proximidade. O xurado valorará especialmente a orixinalidade, a creatividade, a elaboración artesanal e o uso de materiais reciclados. As inscricións realizaranse na propia festa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A música tomará o relevo a partir das 16:30 horas con Brais das Hortas, seguido de Lorelia, ás 17:30 horas, e Tanto nos ten, ás 18:30 horas. A xornada completarase cunha foliada libre, aberta á participación de todas as persoas que queiran sumarse á música e á festa.


A VII Festa dos Rixóns pretende así ser moito máis ca unha celebración gastronómica: unha oportunidade para reivindicar a cultura popular, manter vivas as tradicións, dar a benvida ás persoas que se incorporan á comunidade e crear espazos de encontro entre xeracións. A combinación dos rixóns, o Samaín, os disfraces e a música converterá Cornado nun lugar para celebrar o outono dende a identidade propia e o espírito comunitario.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page