Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda pon a disposición do empresariado local tanto as instalacións como os servizos do Viveiro de Empresas ubicado no Parque Empresarial Área 33 de Silleda a través dunha convocatoria pública cuxas bases pode consultarse xa na web municipal ou no taboleiro de anuncios municipais.
Estas bases, determinan que poderán optar aos servizos do Viveiro non só empresas de nova/recente creación, senón tamén aquelas empresas que aínda estean en proceso de constitución.
Ademais poden ser tamén usuarias destas dependencias municipais empresas xa constituídas así como Fundacións, Asociacións, Federacións, Clústeres ou calquera outra entidade de base asociativa de carácter empresarial.
As entidades interesadas nesta convocatoria poderán optar a ocupar un dos cinco despachos dispoñibles no Viveiro, que contan cunha superficie aproximada de entre 13 e 29 metros cadrados e que están totalmente equipados con mobiliario e equipos informáticos.
Ademais poderán usar tanto as áreas e servizos comúns como o Salón de Actos, que está equipado con: mesas, cadeiras e retroproxector e/ou pantalla. En todos estes espazos disporán de sistema de calefacción, baños accesibles, e servizos de limpeza e mantemento.
Publicidade
Como requisitos para poder optar a ser unha empresa usuaria do viveiro destacan: ter o domicilio da actividade no municipio de Silleda, non desenvolver actividades nocivas, insalubres ou perigosas e adicarse a tarefas de servizos de calquera actividade empresarial. En todo caso, as empresas de nova creación, deben presentar un proxecto que avale a súa viabilidade económica.
A selección dos proxectos, evaluarase con criterios claros e obxectivos recollidos nas mesmas bases da convocatoria, que puntuarán cuestións como se o proxecto solicitante fomenta o autoemprego entre a mocidade, mulleres, maiores de 45 ou persoas co discapacidade-, se se trata de empresas ou proxectos empresariais pertencentes a sectores relacionados cos novos xacementos de emprego ou se a empresa ten domicilio fiscal en Silleda.
Publicidade
Ademais, de ser o caso, puntuarase o tempo en situación de desemprego das persoas solicitantes. En caso de empate, atenderase á orde de entrada, no Rexistro, da solicitude.
“Con esta convocatoria, que será un proceso continuo e aberto, para que os proxectos empresariais poidan solicitar a súa inclusión en calquera momento de existir espazos dispoñibles, preténdese converter o Viveiro nun centro de apoio ao nacemento e á consolidación de empresas, mellorando a competitividade e a innovación nas micro-pemes e pemes silledenses”, sinala a concelleira de Promoción Económica, Paula Fernández Pena.
Comments