Culpa disto ás obras de mellora da rotonda e solicitará información sobre as mesmas
Ecos da Comarca/Silleda

Contigo Silleda denuncia que o goberno local de Silleda "está convertendo o parque da Carballeira das Pedrosas nun “circuíto de triatlón”". "A zona onde están instalados os aparellos biosaudables está completamente asolagada e convertida nun barrizal. O motivo desta catástrofe prodúcese por mor das obras de mellora coa rotonda na EP 7201, onde canalizaron a rede de recollida de augas pluviais da vía publica, para que evacuen no interior do recinto do parque e exactamente na zona onde están as máquinas de facer exercicios. Non queren que a veciñanza se beneficie das instalacións e así evitar gastar o noso diñeiro en manter as instalacións”, acusa.
Ademais, opina que "sempre buscan a maneira máis retorta, para que os prexudicados sexan os de sempre: a veciñanza". Contigo Silleda, insta o Executivo a modificar o sistema de evacuación. "Un parque público non pode ser o “abrevadeiro” das “incompetencias municipais”".
Ante isto, adianta que solicitará no Consistorio copia do expediente das obras da rotonda., "Queremos comprobar se se realizaron máis “chapuzas” e se tiveron que improvisar con esta “maquiavélica” idea para rematar a faena".
Comments