top of page

Concentración ao pé da Fortaleza de Amarante en Antas para reclamar que se abra ao público

Estivo convocada pola Alternativa Veciñal de Antas de Ulla e asistiron varios colectivos


Laura Moure/Antas de Ulla

A Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA) convocou este sábado unha concentración diante da Fortaleza de Amarante, en Antas de Ulla, co obxectivo de reclamar que, tal e como indica a Lei de Patrimonio de Galicia, a dita construción, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), se abra á visita pública.


Ademais de ter establecidas xa conversacións con Patrimonio, a agrupación política veciñal considera que “é o momento de que sexa a propia cidadanía a que colla o relevo e poña sobre a mesa a necesidade dunha Fortaleza aberta ao público e que se poida encher de vida, fronte á súa situación actual, como espazo para banquetes á venda, sen comprador”.

 

Á concentración acudiron representantes de diversas asociacións da comarca e persoas a título individual que apoian o manifesto que nesta mesma xuntanza se leu, e que foi asinado polos seguintes colectivos (así como tamén por veciños e veciñas): Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas “Os Lobos”, Falcatrueiros, Agrocuir, Quercus Sonora, Club de lectores Rosalía da Biblioteca, 25 Xastres, Metátese Teatro e O Zuleiro.

 

Tomaron a palabra no acto Mercedes Somoza, membro de AVA, que explicou en primeiro lugar a situación legal da Fortaleza; Francisco Pardo, presidente do IEU, que fixo un achegamento á importancia histórica do BIC; e José Manuel Pérez, presidente de Os Lobos, que recalcou a necesidade da acción veciñal coa referencia posta na traxectoria do Castelo de Pambre (outro dos BIC comarcais, en Palas de Rei), actualmente adquirido pola Administración Pública e que goza de boa saúde como lugar de visitas e actividade cultural.

Alternativa Veciñal agarda que este sexa o primeiro paso dun camiño cuxa meta, entenden, debería estar na compra por parte da Administración Pública da Fortaleza de Amarante, seguindo os pasos do devandito BIC veciño.

“O noso grupo só ten sentido se a cidadanía está activa”

 Por outro lado, logo da concentración, AVA realizou a súa Asemblea veciñal para decidir o futuro da agrupación política, que comunicarán nos próximos días e que se debaterá entre presentarse ou non ás próximas eleccións locais. “O noso grupo só ten sentido se a cidadanía está activa”, aseguran os membros de AVA.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page