top of page

Compromiso por Lalín propón destinar cada ano ao menos 200.000 euros a plans de emprego

Ecos da Comarca/Lalín

Compromiso por Lalín incluirá no seu programa electoral unha proposta para garantir que o Concello destine cada ano cando menos 200.000 euros á posta en marcha de plans de emprego específicos para mozos, parados de longa duración e colectivos con dificultades de inserción laboral.

Así o anunciou onte o candidato de CxL, Rafael Cuiña, que explica que “con esta iniciativa trátase de que dende a administración local, malia non ter as competencias directas en materia de emprego, tamén se poida contribuír a frear o aumento das cifras do paro en Lalín, que afectan de maneira máis preocupante a estes sectores da poboación”.


“Crespo”, lembra Cuiña, “xa tivo a dubidosa honra de acadar o récord histórico de parados en Lalín e a tendencia deste mandato constata que a creación de emprego está lonxe de ser unha das súas prioridades ou preocupacións”. “A política do amiguismo e do enchufismo pode ser eficaz para apañar uns poucos votos en campaña”, advirte Cuiña, “pero deixa nunha situación de desigualdade e indefensión ao conxunto da veciñanza de Lalín, e de maneira concreta, á nosa mocidade e á xente con máis dificultades para acceder a un emprego”.


Así o demostran as cifras do paro: o número de demandantes apenas baixou en 135 persoas nestes catro últimos anos, mentres que o fixo en máis de 550 no mandato anterior. Ademais, esa “preocupante tendencia negativa” que afecta a Lalín fai que o paro suba no noso municipio mentres que Galicia e España presenta importantes baixadas.


“Chegamos ao punto de que concellos de características semellantes como o da Estrada presentan por primeira vez na historia mellores rexistros de emprego que Lalín, o que constata que coa propaganda e os fogos de artificio de Crespo non se solucionan os problemas reais da xente”, di.


Cuiña lembra que a activación destes plans de emprego, que xa se trataron de poñer en marcha durante o pasado mandato, foi bloqueada polo PP e a Xunta de Galicia no seu día, nun “triste exercicio de irresponsabilidade partidista e que impediu que moitas persoas de Lalín contasen cunha importante ferramenta para poder acceder ao mercado laboral”.


O candidato lembra que, malia que chegamos a habilitar en Pleno unha importante cantidade de cartos para desenvolver estas propostas, o goberno galego negouse a autorizar estes plans para impedir que se puxesen en marcha, “nunha actitude claramente prexudicial para os intereses da xente de Lalín”. “Os mesmos que tiñan que sentar as bases para crear riqueza e emprego en Lalín miran cara outro lado sen rubor e, para máis, non permiten que outros intentemos contribuír á creación de emprego e ao progreso do noso pobo”, declara Cuiña.


Cuiña incide en que esta situación súmase tamén ao bloqueo sistemático da Xunta á ampliación do polígono, o que provoca que agora mesmo Lalín se atope nunha clara desvantaxe competitiva con outros municipios. Así, “os nosos veciños e veciñas están a sufrir as consecuencias dunha política industrial e laboral moi deficiente”, conclúe.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page