top of page

Compromiso lamenta "o enésimo incumprimento de Crespo coa comunidade educativo do Xesús Golmar"

Ecos da Comarca/Lalín

A concelleira de Compromiso por Lalín, Ana Varela, lamentou este luns "o enésimo incumprimento de Crespo coas obras de mellora no patio do Golmar. A menos de dous meses para o remate do mandato, segue sen saberse nada das actuacións para a construción do patio de infantil, que segundo anunciou o actual rexedor o pasado mes de decembro, ían estar feitas en Semana Santa".

“Unha vez máis”, explica Ana Varela, “chegamos á data comprometida e, ao igual que sucedeu en reiteradas ocasións ao longo dos últimos catro anos con sucesivos retrasos e aprazamentos, as obras seguen a ser pura ciencia-ficción electoralista do Partido Popular”. Neste caso, “polo menos o actual rexedor non ten a falta de rubor de tomarlle o pelo á xente amosando unha das súas famosas infografías”.

Nesta liña, a edil de CxL considera que o caso das obras do Xesús Golmar é o “exemplo paradigmático” da “manipulación” e da “nefasta xestión de Crespo”, co agravante de que ademais tivo a “pouca decencia política de utilizar sen miramentos á comunidade educativa do colexio para os seus intereses partidistas”.

Así, lembra que esta actuación era “a máis urxente do mundo e da historia do Concello” cando o PP estaba na oposición. Recorda que foi “un dos seus principais cabalos de batalla contra o anterior goberno, con continuas, desproporcionadas e inxustas críticas ao anterior goberno”, malia os pasos que se deron adiante naquela época para levalas a cabo. Porén, unha vez volveu á Alcaldía, “Crespo semellou esquecerse de todas as présas que tiña, ao igual que das necesidades dos nenos e nenas do Xesús Golmar”.

Preme na imaxe para acceder á web desta empresa.

A maiores, a súa “caótica xestión” neste caso quedou patente en numerosas ocasións ao longo de este mandato, “con anuncios que o goberno do PP tivo que acabar adiando de maneira constante, con adxudicacións que houbo que volver repetir e con problemas administrativos froito da incapacidade manifesta da concelleira de Educación e as xustificacións do propio alcalde”. Por iso, “unhas actuacións relativamente sinxelas acabaron por converterse no máis parecido ás obras do Escorial”, lamenta Ana Varela.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Neste momento, o único que se sabe sobre este asunto, indica, é que a última “novidade” que lle trasladou Crespo á comunidade educativa do Golmar "é que as obras do patio de infantil estarán feitas antes de que acabe o mandato". “Tendo en conta de que hoxe mesmo (por onte) se acaban de convocar as eleccións municipais do 28 de maio e vistos os antecedentes durante catro anos, moito me temo que este anuncio non deixa de ser unha burda declaración de intencións para intentar salvar politicamente a cara a menos de dous meses dos comicios nos que Crespo, como a el lle gusta dicir, terá que dar conta do recado e render contas, tamén, por este incumprimento”, conclúe Ana Varela.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page