top of page

Chega a Arzúa a mostra 'Tres Sesenta' da artista de Touro Sara Naveiro

Permanecerá na Capela da Madanela ata o 26 de xullo dentro da programación cultural do verán


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa da apertura dunha nova exposición dentro da programación cultural deste verán. Este xoves, 3 de xullo, ás 19:30 horas terá lugar na Capela da Madanela o acto de inauguración da exposición Tres Sesenta de Sara Naveiro, artista de Touro. Esta mostra forma parte da programación cultural do verán e poderá visitarse na Capela da Madanela ata o 26 de xullo, de martes a sábados en horario de 19:00 a 21:00 horas.

Sara Naveiro.
Sara Naveiro.

O título da mostra fai referencia aos graos da circunferencia. Neste conxunto de cadros, Sara Naveiro pon a figura como protagonista. A colaxe, acuarela, acrílico e rotuladores son algunhas das técnicas utilizadas xunto coa combinación de cores ou a ausencia delas.

Nalgún dos cadros a figura é recoñecible, mentres que noutros é de libre interpretación para o espectador. O escritor e mestre Daniel Asorey colabora nesta mostra coas súas palabras, redactando un texto sobre a súa experiencia ao ver os cadros.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Sara Naveiro Mirás naceu en Touro, onde estudou no C.P.I. Fonte Díaz. Despois cursou o bacharelato de artes no IES de Sar en Santiago e, posteriormente o ciclo superior de Deseño e Xoiaría na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo da capital galega. Ademais, estivo durante máis de dez anos na Academia de Artes Altaira, co mestre Xurxo Martinho. Participou en diferentes exposicións conxuntas e algunha en solitario en Malpica, Vimianzo, Boqueixón e Santiago, ademais de na súa vila natal.


Publicidade

O concelleiro de cultura, José Luís García, convida á veciñanza e visitantes a “participar nesta nova proposta artística impulsada pola concellaría de cultura e que forma parte dun programa de exposicións que desde o pasado mes de maio xa supera as 2.000 visitas e que continuará coas colectivas Bo Camiño en agosto e Arte na rúa no mes de setembro”.

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page