top of page

Celébrase o primeiro proceso selectivo do ano en Silleda para acceder á Policía Local de 35 pobos

En maio darán comezo as clases da 13ª promoción deste Corpo, a máis numerosa da AGASP e que se levará a cabo de maneira presencial na academia

Laura Moure/Silleda

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Recinto Feiral de Silleda no que levou a cabo o primeiro proceso selectivo deste ano, ao que estaban convocadas 935 persoas, para as probas de acceso ao Corpo de Policía Local de 35 concellos galegos.


Alfonso Rueda indicou que “renovar as oposicións é unha boa noticia para todos os que queren acceder a un emprego estable e polo tanto, tamén para os concellos xa que así poderán contar con máis axentes xa neste mesmo verán, xa que os que aproben xa farán as prácticas nos seus respectivos concellos”.


Concellos

Así, unha vez finalizadas todas as probas da oposición, no mes de maio dará comezo a 13ª promoción de Policía Local, de novo despois da promoción anterior, a máis numerosa da AGASP e que se desenvolverá de maneira presencial na academia. Ás probas están convocadas 935 persoas para 94 prazas do corpo da Policía Local de 35 concellos galegos, concretamente son os concellos da Estrada, A Pobra do Caramiñal, A Illa de Arousa, Arzúa, As Neves, Barbadás, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Carballiño, Carballo, Carral, Cedeira, Fene, Fisterra, Foz, Lugo, Melide, Miño, Narón, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Oleiros, Ortigueira, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Soutomaior, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.


A celebración dos exames no Recinto Feiral de Silleda conta cun protocolo específico avalado polas autoridades sanitarias que autorizaron a celebración dos exames, e que garante a realización das probas coa máxima seguridade de todo o persoal, cunha separación entre os alumnos de tres metros en sentido lonxitudinal e cinco metros en sentido transversal e con todas as garantías sanitarias. Esta colaboración cos concellos galegos deu comezo en marzo do ano 2017 coa firma do protocolo de colaboración coa Fegamp para a realización das probas selectivas da Policía Local de Galicia. Este foi un paso máis dentro da aposta da Xunta pola colaboración entre administracións e a suma de esforzos para ser máis eficientes e garantir o mantemento da calidade na prestación de servizos públicos aos galegos.


O obxectivo fundamental é favorecer a calidade dos procesos selectivos, asegurar cobertura de prazas e conseguir unha Policía Local cada vez máis especializada. Ata o de agora 84 concellos dos 129 que contan con Corpo de Policía Local, xa delegaron na Xunta a selección dos seus policías.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page