top of page

'Cando hai compromiso, hai alternativa' é o lema de pre-campaña de Compromiso por Lalín


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato á Alcaldía de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anunciou onte que o lema da formación para a pre-campaña electoral das vindeiras municipais será: Cando hai Compromiso, hai alternativa!. O slogan retoma a ilusionante mensaxe que se lanzou durante os comicios do ano 2015. “Foi unha das frases que máis calou entre o electorado e que levou a Compromiso a acadar a Alcaldía de Lalín, demostrando ser a única opción real e efectiva de cambio tras máis de 30 anos de gobernos do Partido Popular”, di Cuiña.

Para apuntalar esa idea, neste caso amplíase ese lema a Cando hai Compromiso, hai alternativa!, “o que deixa claro que o apoio a presencia da opción CxL é unha condición imprescindible e sine qua non para que se poida producir un relevo no Concello de Lalín”. “Ningunha outra opción política garante esa posibilidade”, apunta o candidato, “e non hai ningunha proposta, máis alá da de Compromiso, para facela efectiva”.

Ao mesmo tempo, o slogan incide no significado da palabra compromiso como “a obriga firme que contraemos coa xente, coas súas necesidades, coa solución aos seus problemas e co futuro do noso pobo, máis alá de posicionamentos grandilocuentes e personalistas”. Un compromiso implica unha responsabilidade, e esa “é a que nós asumimos cara os electores e a sociedade lalinense”.

Así, “fronte aos que fan do seu programa un engano masivo aos votantes, nós imos traballar con dilixencia e xestionar os cartos públicos con rigor para sacar adiante propostas realistas e que farán que Lalín sexa unha referencia política no resto de Galicia”. Polo tanto, é un lema en positivo, que serve para “reafirmar con humildade, pero con firmeza a vontade de traballar a prol da xente dende unha perspectiva construtiva e sen exclusións”.

“Hai alternativa!”, explica Cuiña, “é un dos nosos máis claros sinais de identidade, unha frase que permanece dende o ano 2015 no imaxinario da xente como unha garantía de cambio político e de transformación social na nosa vila”.

Deste modo, “a alternativa que só nós representamos constitúe un xeito de mellorar a situación actual para ofrecer novas posibilidades aos cidadáns”, proclama. Así quedou patente durante os catro anos nos que CxL liderou o goberno de Lalín, no que “o seu papel transversal conseguiu aglutinar e equilibrar as diferentes sensibilidades políticas e ideolóxicas da nosa veciñanza sen sectarismos e sen estridencias innecesarias”.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page