top of page

Camiñas ofrécese como “o alcalde que nunca deixará Rodeiro por un “postiño”. A miña vida está aquí"

“Eu veño con proxectos baixo o brazo; se queredes un alcalde que se conforme con botar zahorra e pagar a luz, ese non son eu”, recalcou o socialista


Laura Moure/Rodeiro

"Cheo ata a bandeira no auditorio Manuel Lamazares para escoitar ao candidato socialista á Alcaldía de Rodeiro, José Luis Camiñas. Non quedou unha butaca baleira", ", tal e como desta a agrupación socialista. "Máis de 200 persoas abarrotaron o espazo e moitas tiveron que seguir as intervencións de pé dende os laterais ou dende o vestíbulo de acceso". Camiñas, emocionado, agradeceu a asistencia e anunciou que se o próximo 28 de maio a veciñanza confía no seu proxecto “deixará a vida para ser o alcalde que Rodeiro merece”. “Eu non vou deixar nunca Rodeiro por un “postiño”, a miña vida está aquí e aquí estarei ata que morra”.


José Luis Camiñas contou co apoio de Carmela Silva, presidenta do PSdeG e da Deputación, e de Paula Fernández, vicesecretaria xeral provincial do Partido e concelleira en Silleda. Foi presentado por Toño Dacal e contou tamén coa presencia da súa candidatura ao completo, na que figuran nos 10 primeiros postos Begoña Vázquez, Manuel García Deza, Patricia Hermida Deza, Mirian Arias Panadeiros, Manuel Salgado, José Antonio Mazaira, María José Pérez Presas, Álvaro Juiz e José González.


O candidato, que recalcou que conta cun “equipazo” “que nin me podía imaxinar”, homenaxeou tamén na súa intervención aos exalcaldes Manuel Salgado e José Benito Vence e aos exedís Horacio Ferradás e Edita Lorenzo, “históricos” do avance progresista en Rodeiro.

Camiñas adiantou as liñas mestras do seu programa que arranca coa necesidade urxente de frear a perda de poboación. Rodeiro baixou 700 veciños/as nos últimos anos “e se non se fai nada baixará outros 700 e será o desastre”. Anunciou que pelexará polo desenvolvemento do PXOM de 2009, que quedou en “papel mollado”, e dos plans parciais para a construción de vivendas unifamiliares na Gaiola e outro plan parcial entre a rúa A e Vence. Tamén que porá a disposición da Xunta terreos para que promova vivendas sociais “como fai en Lalín, porque en Rodeiro temos o mesmo dereito”. “Só así lograremos o asentamento da poboación”.


Anunciou tamén que daralle á volta “ao mausoleo”, é dicir ao edificio polivalente no que o actual goberno leva “enterrados” 700.000 euros e xa anuncia outros 165.000 sen saber moi ben para que. “Unha auténtica aberración que tocaranos corrixir e xa adianto que nós reorientaremos ese proxecto para que Rodeiro conte por fin cun Centro de Día para maiores, porque é unha vergoña que aínda carezamos dese servizo básico”.


"Rodeiro ou Siberia?"

Na súa exposición, apoiada por fotografías, denunciou "o pésimo estado" das vías municipais do rural. “Eu xa sabía que estaban mal, pero dende que son candidato percorrinas todas e quedei abraiado; non sei se estamos en Rodeiro ou en Siberia; a situación é caótica e obrigaranos a dedicar a totalidade do Plan Concellos de varios anos porque hai que botar moitos, moitos quilómetros de asfalto. Isto é o legado que nos deixan”, denunciou.


Rexeitou "o abandono do Centro de Saúde, que funcionou cun só médico durante moitos meses, ofrecendo unha mala atención á cidadanía e denunciou o silencio do PP, que como fai sempre queda caladiño por non molestar aos amigos da Xunta, uns amigos que non fan nada por Rodeiro; mentres tratan de facer pasar como inimiga á Deputación de Carmela Silva, que é a Administración que inviste en Rodeiro e financia o 99% das obras. Que se pode esperar de quen morde a man que lle dá de comer?”, preguntouse.

Concluíu que o 28 de maio hai que elixir entre Camiñas ou Cati, a candidata do PP, “pero é moi posible que as persoas que voten a Cati estean elixindo a Rubén”. “Somos a única alternativa de cambio”, afirmou. “Hai que elixir entre a ilusión que nós representamos ou o conformismo do PP”, concluíu. “Eu veño con proxectos baixo o brazo; temos moitas ideas e temos ambición; se queredes un alcalde para botar zahorra e pagar a luz, esa persoa non son eu”.


Declaracións de Silva e Fernández

Carmela Silva sinalou a José Luis Camiñas como o motor do cambio que está a piques de chegar Rodeiro, “un home ao que non se pode dicir que non, un home que cando se entera de que eu veño a outro acto a Lalín chámame para dicirme que veña unha hora antes porque imos ver unha preciosa torre medieval abandonada que quere recuperar”. “Un home que traballou moito toda a súa vida, que xestionou con éxito a Cooperativa O Rodo e un home que quere a Rodeiro; un home avalado polos feitos”.


Paula Fernández aplaudiu a paixón de Camiñas polo seu pobo e explicou que "mentres o actual alcalde e o seu antecesor nunca chamaron nin á Deputación nin a ningunha Administración de distinto signo político para sumar forzas, Camiñas chama máis que ninguén e por iso o futuro de Rodeiro leva o nome de Camiñas”.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page