top of page

Azores, segunda cita continental da tempada para o piloto palense Luis Vilariño

A dupla galega Vilariño – Martínez intentará seguir sumando puntos na FIA European Rallye Championship


Laura Moure/Palas de Rei/Deza

Tras as boas sensacións do pasado Rallye Serras de Fafe, no que o piloto de Palas de Rei, Luís Vilariño, sumou ao seu marcador un bo botín de puntos grazas a finalizar na duodécima posición, chega o momento de viaxar ás Illas Azores, onde se celebrará a segunda proba do certame continental, e na que Vilariño, xunto ao seu copiloto, o salcedense, Javier Martínez, volverá competir a bordo do seu Skoda Fabia Rally2 Evo.

A cita das illas atlánticas contará con catorce tramos cronometrados, entre os que destaca a especial de Sete Cidades, que transcorre ao redor da “Lagoa Azul” da poboación que dá nome ao tramo, ofrecendo algunhas das vistas máis espectaculares de todo o calendario internacional. A tempada pasada, Luís Vilariño finalizou nunha undécima posición, que espera poder mellorar tras as boas sensacións vividas a pasada fin de semana nun complicado Serras de Fafe. “O Rallye de Azores foi un dos máis espectaculares entre todos os que gozamos a tempada pasada. Tiñamos como obxectivo repetir a gran experiencia nas illas atlánticas lusas, e por iso fixemos un esforzo adicional para poder estar presentes. Chegamos coa moral alta tras superar o Serras de Fafe máis duro das últimas tempadas, e onde nos mantivemos en todo momento entre os quince mellores, acabando nunha meritoria duodécima posición do europeo. O noso obxectivo é sobre todo gozar da proba e de todo o que a rodea, e tentar mellorar o resultado da pasada tempada, que xa foi moi positivo para nós”, analizaba Luís Vilariño, mentres coordinaba o traslado de todo o equipamento necesario.

Tamén mostraba as súas expectativas o copiloto do equipo, Javier Martínez, na que será a súa primeira participación en Azores: “Será a miña primeira proba insular. Estou realmente entusiasmado de poder gozar dun vehículo de primeiro nivel e de competir nas mellores probas de todo o continente. Sabemos que imos vivir unha fin de semana intensa, pola dificultade dos tramos de Azores, que son rápidos e estreitos, polo que o máis mínimo erro págase moi caro. Temos confianza en poder realizar un bo papel, como o que fixemos na primeira cita do europeo.”

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page