Este inmoble está en desuso e desta forma serviría para "impulsar o emprendemento e afianzamento de negocios no concello"
Ecos da Comarca /Antas de Ulla
A Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA) incide en que actualmente neste concello non existe ningún espazo de traballo conxunto para novos emprendedores/as ou calquera autónomo/a ou empresa que, polas características do seu negocio, se vexa na necesidade de contar cunha pequena oficina/sala de traballo acondicionada con conexión á rede, teléfono, ordenador, impresora, sala de reunións… que pode compartir con outros usuarios/as pola frecuencias e tipo de uso que faría nese espazo, o que na actualidade deu en chamarse espazo coworking. Ante isto solicita que a Casa da Irmandade se destine a tal fin.
"Queremos por algúns exemplos de negocios que poden estar interesados neste tipo de espazos: novo emprendedor/a que abre un negocio online e precisa unha oficina para a xestión dese negocio; agricultor/a ou gandeiro/a que ten unha explotación pero precisa unha oficina para xuntanzas con clientes ou xestión burocrática da súa explotación; cooperativas que precisan espazos de traballo conxunto para reunións…". Recalca que estes espazos xa existen en moitos concellos da nosa autonomía. "Comprenden, polo xeral, varias oficinas e espazos comúns como sala de xuntas, recepción de usuarios.... O máis importantes neles sería unha correcta conexión á rede, ordenadores, teléfonos e impresoras á disposición dos usuarios, sala de xuntas correctamente equipada… Poden ser de uso gratuíto ou cunha cota mínima, simbólica", apunta.
"Entendemos que algo que para o Concello pode ser asumible, se conta cun edificio municipal para darlle tal fin, como asunción de pagos de facturas de suministros básicos e conexión á rede, así coma mantemento e limpeza do espazo; para o emprendedor/a ou autónomo/a e empresa pode ser un impedimento para a execución correcta da súa actividade", indica. "Entendemos tamén que, a Casa da Irmandade (AVA remite, ao mesmo tempo que esta Proposta á Alcaldía, unha pregunta para o pleno para saber precisamente do seu estado actual), podería ser un espazo de interese para este fin do que falamos".
A Casa da Irmandade de Antas de Ulla.
Ante isto, solicita "que o alcalde comece a valorar e analizar a viabilidade deste proxecto de espazo de traballo conxunto para novos emprendedores/as e autónomos/as e empresas da zona" e que o rexedor teña en conta a posibilidade de rehabilitación da Casa da Irmandade para tal fin ou analice que outros espazos poderían ser aptos para o mesmo.
Comments