top of page

AVA pídelle a Patrimonio a declaración de BIC da Fortaleza de Amarante baixo a nova lei

O inmoble, que xa goza da condición de BIC dende a Lei de 1985, precisa ser ratificado de novo como tal para que a todos os efectos poida aplicarse a Lei actual sobre o mesmo


Laura Moure/Antas de Ulla

En xuño do ano pasado, Alternativa Veciñal de Antas de Ulla dirixiu escrito á Dirección Xeral de Patrimonio para que se lle solicitara aos propietarios da Fortaleza de Amarante que procederan á apertura pública de devandito Ben de Interese Cultural (BIC) declarado como tal pola Lei de Patrimonio de 1985 e amparándose na catalogación estatal a través do Decreto de 22 de abril de Protección de los Castillos españoles.


A Dirección Xeral de Patrimonio remite resposta no mes de marzo deste mesmo ano indicando que, se ben efectivamente este ben inmoble xa goza da condición de BIC, debe actualizarse a súa declaración amparándose na tramitación da mesma a través da actual Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia, para que cuestións que a devandita Lei ampara (coma a de apertura a visita pública) poidan estar vixentes a todos os efectos.


AVA, no mes de maio do 2021 abre, de novo, un expediente de incoacción para a declaración BIC da Fortaleza baixo o paraugas da nova Lei e indica explicitamente que, trala súa ratificación coma BIC, se proceda a solicitar aos propietarios a apertura á visita pública da Fortaleza de Amarante, tal e como marca a actual Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.


O inmoble, que xa goza da condición de BIC dende a Lei de 1985, precisa ser ratificado de novo como tal para que a todos os efectos poida aplicarse a Lei actual sobre o mesmo. Ante isto AVA remite escritos á Deputación de Lugo (tanto á Área de Turismo coma á de Cultura) para que apoien a súa solicitude, así como ao Pleno do Concello de Antas de Ulla co mesmo obxectivo


“Compre conservar e por en valor aquilo do que o Concello de Antas xa conta como sinal de identidade. Queremos que a Fortaleza abra as portas aos visitantes e aos propios veciños e veciñas de Antas, e que o que un día foi o centro administrativo do noso territorio, sexa hoxe un lugar de encontro e achegamento á memoria da nosa comarca”, incide María Gontá, concelleira de AVA.




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page