top of page

Ausencia da papeleta de CxL na documentación remitida a persoas que pediron o voto por correo

O partido lalinense alerta disto e ten constancia de varios erros, con papeletas duplicadas dalgunha outra formación, polo que presentará un escrito á Oficina do Censo Electoral


Ecos da Comarca/Lalín

Compromiso por Lalín alerta de erros no envío das papeletas do voto por correo para as vindeiras eleccións municipais.O candidato, Rafael Cuiña, explica que “nos últimos días foron varias as persoas que se puxeron en contacto con nós para advertir de que, tras solicitar o voto por correo, na documentación que recibiron non aparecía a papeleta de Compromiso”. “No seu lugar”, sinala, “aparecía duplicada a de algunha outra opción política”.


Tras ter coñecemento desta circunstancia por diferentes vías, Compromiso xa realizou unha consulta á Xunta Electoral de Zona e anuncia que presentará un escrito á Oficina do Censo Electoral para reclamar que se corrixa de maneira inmediata esta situación.

A opción do voto por correo aínda se pode solicitar ata o vindeiro 18 de maio e “é necesario que non se volvan repetir erros destas características, que poden acabar derivando nunha irregularidade que afecte ao resultado do proceso electoral”.

Á espera de que se apliquen con urxencia as medidas correctoras oportunas que garantan a participación de CxL nas vindeiras eleccións nas mesmas condicións que o resto de formacións que concorren, Compromiso estará atento á evolución desta situación e, de ser o caso, analizará a posibilidade de adoptar as medidas ás que teña dereito segundo a legalidade vixente.


A maiores, Compromiso por Lalín pídelle a todas as persoas que detecten erros deste tipo que presenten a reclamación oportuna a título individual ou que, cando menos, comuniquen esta circunstancia a calquera membro da formación para darlle traslado aos organismos competentes.


En calquera caso, Compromiso por Lalín informa de que ten papeletas de voto a disposición de todas aquelas persoas que as precisen, por esta ou por outras circunstancias. Están á súa disposición na sede electoral en horario de mañá ou de tarde.

No caso dos electores que solicitasen o voto por correo lémbrase que, unha vez solicitado, e aceptado, xa non se poderá votar presencialmente nas mesas electorais o día dos comicios, polo que é importante dispoñer da papeleta correcta da opción política que elixan.


MITINS DE CXL PARA HOXE, LUNS

  • RODÍS-LOCAL SOCIAL-18:30 HORAS

  • PALIO-LOCAL SOCIAL-19:15 HORAS

  • CANGAS-LOCAL SOCIAL-20:15 HORAS

  • BERMÉS-LOCAL SOCIAL-21:00 HORAS


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page