O alcalde visitou este mércores xunto con técnicos da Deputación e responsables da firma adxudicataria os traballos, nos que o organismo provincial inviste máis de 252.000 euros
Laura Moure/Silleda
Os traballos de dotación da rotonda que mellorará a seguridade na intersección entre a rúa Chousa Nova, a estrada a Forcarei (EP 7201) e o vial Silleda-Laro, intensificaranse nos vindeiros días. Así o confirmaron responsables da empresa adxudicataria e personal técnico da Deputación de Pontevedra que executa esta actuación cun investimento de máis de 252.000 euros.
As obras no coñecido como cruce das Pedrosas, incrementarán o ritmo toda vez que xa rematou o replanteo e se procedeu á retirada da pasarela peonil sobreelevada que se atopaba en mal estado. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, realizou este mércores unha visita de traballo ás obras xunto co personal técnico da Deputación e da firma Marconsa, adxudicataria das obras que se iniciaron a finais do pasado mes de xaneiro.

Cuiña agradeceu á Deputación a dotación desta rotonda “que virá a mellorar notablemente a seguridade neste cruce, cunha elevada densidade de tráfico e que mellorará os accesos nesta zona, tanto para vehículos como para os peóns, con pasos sobreelevados”, engade.
Así mesmo, a rotonda virá a completar a humanización e mellora da mobilidade peonil do entorno, logo da execución –tamén por parte da Deputación de Pontevedra- da mellora na rúa da Chousa Nova no ano 2019, con outro destacado investimento que superou os 441.000 euros.
Comments