Os certificados foron entregados este xoves nun acto no Hotel Intercontinental de Madrid
Laura Moure/Lalín
As empresas lalinenses Alvalop e Supernova recibiron o Certificado de Excelencia Empresarial CIEGE (Certificado Informa elEconomista á Xestión Excelente) que as acredita e confirma a súa excelencia na xestión de empresa. A entrega da 6ª edición de premios realizouse este xoves en Madrid, nun acto celebrado no Hotel Intercontinental. En nome de Alvalop recolleu o galardón Ana Seco e Sira Covelo, e en nome de Supernova fixérono Begoña Salgueiro e José Antonio López, administrador das firmas.
A certificación CIEGE foi posta en marcha en 2018 para ofrecer ás empresas un selo que acredita a súa excelencia na xestión. Esta está apoiada polo xornal económico líder mundial en español, elEconomista.es, e a empresa líder en Información Comercial, Financeira, Sectorial e de Marketing, Informa D&B.
Para outorgar este certificado avalíanse 57 indicadores de 10 categorías diferentes que determinan a xestión das compañías: solvencia, rendibilidade, crecemento, emprego, internacionalización, responsabilidade social corporativa, satisfacción de clientes, innovación, xestión do risco comercial e dixitalización. Desde o seu lanzamento, concedéronse xa 230 certificados. A cifra de empresas que o obtiveron foi crecendo, pasando de 21 na primeira edición ás 83 na presente edición. Ao obter este certificado, as compañías teñen a oportunidade de mostrar a súa excelente xestión a clientes, provedores, empregados, institucións financeiras, etc.
Publicidade
Das 2.500 empresas que iniciaron o proceso de certificación este ano, unicamente 83 chegaron a cumprir os criterios para obter o CIEGE, o que demostra a alta esixencia requirida.
As empresas
Ambas as empresas orientan a súa actividade ao sector público, baseada nunha xestión comprometida e eficiente dos recursos públicos, asistindo a institucións do ámbito local, autonómico e nacional.
Alvalop foi fundada en 2008 e dedícase a brindar asistencia profesional personalizada especialmente no ámbito dos servizos sociais.
Publicidade
Supernova, fundada en 2009, oriéntase especialmente aos sectores socioculturais, turismo e lecer. Conta ademais cunha ampla experiencia en consultoría e asistencias técnicas. Esta compañía proporciona a todo tipo de institucións, empresas, agrupacións empresariais ou organizacións tanto públicas como privadas, unha visión das tendencias que afectarán o seu negocio, nos ámbitos da Innovación, os Sistemas de Xestión, a Igualdade de oportunidades etc.
Ambas as compañías contan ademais con 345 empregados en España, a cifras do pasado mes de outubro, sendo case un 90% emprego feminino.
Comments